O Consorcio Casco Vello de Vigo intensifica o seu Plan de actuación e anuncia a compra de 25 edificacións nos vindeiros catro anos

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo e delegada da Xunta en Vigo informou hoxe que os obxectivos fixados polo ente contemplan a construción de 45 novas vivendas cunha inversión de 14,5 millóns de euros ata o 2025

Apunta como clave a incorporación de 15 inmobles incluídos no Programa Municipal de Edificación Forzosa aprobado polo Concello de Vigo no 2019

Vigo, 2 de agosto de 2021

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) e delegada Territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, informou hoxe da aprobación no seo do consello de administración do organismo rehabilitador do Plan de Actuación que contempla a intensificación do labor desenvolvido ata o de agora coa compra de 25 novas edificacións nos vindeiros catro anos.

Cun conxunto edificable de máis de 7.000 metros cadrados, a representante autonómica indicou que suporá a posta no mercado de 45 vivendas de promoción pública ata o 2025, o que implicará a mobilización de 14,5 millóns de euros ao longo deste cuadrienio.

Para a consecución destes obxectivos, segundo indicou, será clave a incorporación de 15 inmobles incluídos no Programa Municipal de Edificación Forzosa aprobado polo Concello de Vigo no 2019. “Aseguramos deste modo actuacións en 12 rúas do casco histórico, que poderían verse ampliadas en función do resultado das negociacións en marcha para a adquisición de máis fincas”, dixo.

Fernández-Tapias recordou que a revisión do Plan de Actuación é un requisito establecido por norma no terceiro ano de vixencia e que a súa modificación responde neste caso, ademais da necesidade de incorporar o Programa Municipal de Edificación Forzosa, a que persisten zonas nas que o proceso de rehabilitación integral que xustificou a creación do CCVV non finalizou.

Así, tras por en valor o importante labor de rexeneración acometido polo organismo que preside xunto a outros axentes sociais, sinalou que é necesario concluír intervencións aínda en marcha na zona alta do casco vello vigués e incrementar a actuación pública na zona baixa, especialmente na contorna da Praza do Berbés e Poboadores, na que por distintas circunstancias a promoción privada atopa dificultades para acometer inversións.

A presidenta do CCVV defendeu así a necesidade darlle continuidade ao valioso traballo de recuperación edificatoria e patrimonial que está a realizar o Consorcio do Casco Vello, organismo participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello de Vigo, facilitando cos seus investimentos o acceso a unha vivenda a decenas de familias e a revitalización da zona histórica.

Balance

Desde o ano 2005 o Goberno galego investiu máis de 27,4 millóns de euros en actuacións de rehabilitación neste ámbito permitindo a adquisición de 82 edificios e a posta no mercado de 111 vivendas de promoción autonómica (VPA) e 33 locais. Especialmente nunha cidade, dixo, que acumula o maior número de demandantes de vivenda e que carece de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).