A conselleira de Política Social visitou esta mañá aos participantes que están a realizar actividades nestas instalacións

Fabiola García destaca que o campamento Fervenzaventura de Silleda permite que a mocidade coñeza o potencial do rural galego

Trátase dunha das novidades da campaña de verán deste ano, que se suma ás actividades iniciadas en Bande, Parada de Sil e Cabana de Bergantiños

Un total de 40 rapazas e rapaces de entre 14 e 18 anos están a participar deste campamento xuvenil, que remata mañá

Pide que a mocidade participe dos cribados que se están a realizar por toda a comunidade e que se fuxa de estereotipos sobre o seu comportamento

Silleda (Pontevedra), 30 de xullo de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou que o campamento Fervenzaventura de Silleda permite que as mozas e mozos coñezan o potencial do rural galego. Esta mañá visitou as instalacións onde 40 rapazas e rapaces de entre 14 e 18 anos están a finalizar a súa quenda de campamentos na que puideron realizar múltiples actividades de coidado de animais e cultivo de alimentos.

Este campamento é unha das novidades da campaña de verán deste ano xunto cos campamentos postos en marcha en Bande, Parada de Sil e Cabana de Bergantiños. Deste xeito, o número de instalacións ofertadas deste ano chegou ás 35, que se suman á oferta de campos de voluntariado, intercambios con outras comunidades e minicampamentos.

A conselleira sinalou que dentro dos 40 campos de voluntariado que se puxeron en marcha, un deles celebrarase na comarca do Deza, concretamente no concello de Lalín. Así mesmo, tamén se está a desenvolver un minicampamento ‘Coñece Galicia’ no hotel Norat deste mesmo concello.

Ocio seguro

Así mesmo, Fabiola García puxo en valor que a campaña de verán ofrece unha opción de ocio seguro para a xuventude galega. Neste sentido, pediu fuxir de estereotipos e que se lle recoñeza á mocidade o esforzo que están a realizar para minimizar os seus contactos.

“O comportamento xeneralizado está sendo exemplar, pese a ser os que máis están agardando pola vacina”, apuntou. Por iso pediulles un último esforzo e que participen dos cribados que se están a poñer en marcha en distintas zonas de Galicia.

Imaxes relacionadas