O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reuniuse esta mañá co comité de empresa do estaleiro

A Xunta seguirá traballando coa empresa e o comité de Barreras para formar parte da solución que garanta a viabilidade do estaleiro

Conde insistiu na necesidade de actuar de forma conxunta para que Barreras teña futuro industrial e se manteñan os empregos

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2021

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado da directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, e o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, mantivo hoxe unha reunión co comité de empresa de Barreras para trasladarlle o apoio por parte da Xunta de Galicia para colaborar na busca da viabilidade do estaleiro.

“Traballaremos dunha forma proactiva e estaremos en contacto con todas as partes; coa empresa, para poder identificar un socio industrial que garanta esa viabilidade a futuro; e cos traballadores, para ir adoptando decisións de forma conxunta e compartindo cales poden ser os escenarios de futuro”, manifestou.

O vicepresidente económico quixo trasladar o seu apoio aos empregados e insistiu na necesidade de traballar de forma conxunta
–administración, traballadores e estaleiro– para poder identificar un socio industrial. “O principal obxectivo é que Barreras teña un futuro industrial e que poidamos manter os postos de traballo para ter tamén unha influencia directa na industria auxiliar”, engadiu.

En todo este proceso, a Xunta xa ten manifestado a súa vontade de apoiar a viabilidade da empresa poñendo en marcha diferentes axudas. En 2019 lanzou unha liña de préstamos para atender a situación financeira de 22 auxiliares galegas –13M€– e agora está dando continuidade a este compromiso cunha nova convocatoria para o período 2021-2022, a través dun investimento de 18M€, co obxectivo de facilitar o acceso ao crédito ao tecido industrial galego.

Imaxes relacionadas