A Xunta de Galicia achega máis de 200.000 euros para a posta en marcha de programas de inclusión social e laboral para persoas migrantes da Asociación Arraianas
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe a entidade afincada na cidade compostelá
Alí puxo en valor o labor destas entidades tras este ano de pandemia, no que tiveron que facer fronte a unha situación descoñecida
O Goberno galego achega máis de 400.000 euros para actividades de inclusión social a través da liña de axudas do 0,7% do IRPF
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe a sede da Asociación Arraianas, destinada a persoas migrantes que se atopan nunha situación de risco e onde se lles ofrece unha base sólida de galego para que podan alcanzar a autonomía cara unha integración social e laboral.
Arturo Parrado aproveitou a visita para percorrer as instalacións da entidade e coñecer os diferentes espazos nos que os usuarios realizan os programas, aos cales a Xunta de Galicia achegou na Convocatoria de Axudas a Entidades de Iniciativa Social 2020-2022 máis de 220.000 para a súa posta en marcha. Estes programas, como A Tribo, Nosoutras, Ayni, ou Migrandi tratan diferentes cuestións que teñen como finalidade a formación das persoas migrantes no apoio á conciliación, a inclusión sociolaboral, a transición ao emprego ou o asesoramento xurídico na materia de estranxeiría, entre outras.
Ademais de esta axuda, o Goberno galego achega por parte da liña de axudas do 0,7% do IRPF máis de 400.000 euros para levar a cabo diferentes actividades e programas de inclusión social.
O director xeral de Inclusión Social subliñou o labor que están a realizar nestes momentos tan difíciles as entidades que traballan no coidado dos que están a pasar por unha situación complexa e máis tras este ano de pandemia, no que se enfrontaron a unha situación excepcional e descoñecida. Neste senso, puxo en valor a necesidade de converter a Galicia nun lugar cada vez máis inclusivo e no que todas as persoas poidan prosperar en igualdade de condicións.