A Xunta de Galicia subliña na Casa de Familia LAR de Muimenta a importancia de ofrecer un entorno amable, educativo e familiar ás mozas e mozos tutelados pola administración

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe aos mozos e mozas da casa de acollida de menores no concello lucense de Cospeito

Cospeito (Lugo), 28 de xullo de 2021

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe a Casa de Familia, da Asociación Fogares LAR, en Muimenta. Neste centro os oito mozos e mozas tutelados pola Xunta de Galicia que acolle realizan actividades que garanten a súa estabilidade e tamén o seu futuro máis próspero.

Durante a súa visita, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica aproveitou para coñecer as actividades que desenvolven diariamente os educadores, que dedican a súa xornada a formar aos máis novos e a inculcarlles valores de educación ou ocio saudable, pero sobre todo familiares.

Jacobo Rey subliñou o compromiso da Xunta de Galicia na posta en marcha destas casas, que teñen o obxectivo de que os nenos e nenas que pertencen a familias con situacións complexas podan criarse nun entorno amable, educativo e familiar.