O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e representantes da dirección técnica das obras mantiveron un encontro esta mañá cos rexedores de Vimianzo e de Zas, Mónica Rodríguez e Manuel Muíño, respectivamente

A Xunta informa aos alcaldes de Vimianzo e de Zas da programación e do avance dos traballos na ponte de Baio

A intervención fixo necesario o peche ao tráfico da ponte desde finais de xuño para garantir que os traballos de demolición se fagan con total seguridade, manténdose o paso peonil

Francisco Menéndez explicou que, unha vez iniciadas as obras, se comprobou que a antiga beirarrúa, que estaba nun voadizo sostido por un contrapeso sobre a propia ponte, era de maiores dimensións que as previstas, o que obrigou a facer demolicións de maior alcance

Tamén apareceron irregularidades na fábrica de pedra do interior do arco, que obrigaron a modificar a disposición das conducións de servizos

Estes imprevistos obrigaron a recalcular a estrutura de apoio e a futura lousa para adaptalas á realidade xeométrica descuberta e, unha vez feito ese traballo, nesta semana poderase xa comezar a formigonar os apoios

A previsión é abrir ao tráfico un carril de circulación da ponte, regulado por semáforos, a partir do día 16 de agosto

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2021

A Xunta informou aos alcaldes de Vimianzo e de Zas da programación e do avance dos traballos de rehabilitación da ponte sobre o río Grande, en Baio, que obrigaron a un peche da circulación para levar a cabo as actuacións de acondicionamento necesarias.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, xunto con representantes da dirección técnica das obras, mantiveron esta mañá un encontro de traballo coa alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez e co alcalde de Zas, Manuel Muíño, para abordar a intervención de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade peonil que se están a levar a cabo na ponte da estrada autonómica AC-552 para facilitar a mobilidade entre ambas as ribeiras do río Grande.

A intervención fixo necesario o peche ao tráfico da ponte desde finais do mes de xuño para garantir que os traballos de demolición que se están a desenvolver se fagan con total seguridade.

Na reunión, o director da Axencia Galega de Infraestruturas trasladou a previsión da Xunta de abrir ao tráfico un sentido de circulación da ponte a partir do 16 de agosto, unha vez que as circunstancias sobrevidas nas obras obrigaron a demorar a súa apertura, prevista para o mes de xullo.

Francisco Menéndez explicou que co inicio dos traballos se comprobou que a antiga beirarrúa estaba nun voadizo sostido por un contrapeso sobre a propia ponte e que, unha vez eliminado o firme, viuse que as súas dimensións eran maiores das previstas inicialmente. Isto obrigou a realizar demolicións de maior alcance que as planificadas, sempre tendo o coidado de non danar a estrutura.

Ademais, tamén se observaron dificultades para levar a condución de abastecemento polo lugar que estaba previsto inicialmente, xa que a fábrica da ponte (o interior do arco) non é regular. Para salvar esta dificultade, tal e como trasladou o director da Axencia Galega de Infraestruturas aos rexedores municipais, vaise elevar lixeiramente a plataforma da ponte, para pasar as conducións de abastecemento e eliminar, como estaba previsto, as conducións que discorrían ata agora pola parte exterior.

Francisco Menéndez explicou que a demolición do contrapeso interior xa se rematou a semana pasada e que agora os seguintes pasos serán formigonar as vigas de apoio das lousas nos laterais da ponte e habilitar a circulación de vehículos por un carril, regulada por semáforos, desde o vindeiro 16 de agosto. Ese formigonado comezarase esta semana, xa que houbo que recalcular as estruturas ante a imprevista xeometría da ponte descuberta, unha vez demolido o firme e o contrapeso da beirarrúa. O paso peonil na ponte mantívose en todo momento.

A Xunta está a traballar de maneira intensa na rehabilitación da ponte sobre o río Grande co obxectivo de tela rematada a comezos de outono, cun investimento autonómico de 328.000 euros.

O proxecto porá en valor a propia estrutura da ponte e a súa contorna, tanto as beirarrúas, as marxes do río, como os treitos de acceso á ponte.

A obra, que conta coa resolución favorable da Comisión Provincial de Patrimonio, céntrase na ampliación da sección transversal mediante a execución dunha lousa de formigón armado, con voadizos en ambos os laterais.

Esta ampliación permite reordenar o tráfico rodado e peonil, xa que a nova sección transversal posibilitará albergar dous carrís de 3 metros de ancho, beiravías de 0,25 ou beirarrúas de 2,10 metros de anchura.