O presidente da Xunta visitou esta mañá as novas instalacións da piscina municipal do Concello de Cualedro

Feijóo destaca o compromiso cun rural vivo e dinámico apostando por mellores servizos, equipamentos públicos e a rehabilitación de vivendas

Cualedro (Ourense), 27 de xullo de 2021

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o compromiso cun rural vivo e dinámico apostando por mellores servizos, equipamentos públicos e a rehabilitación de vivendas.

Durante unha visita este mediodía ás novas instalacións da piscina municipal de Cualedro -un proxecto incluído no Plan Hurbe que dotará ao concello dun lugar de esparexemento con zonas verdes, vestiarios, enfermaría e cafetería-, Feijóo resaltou o esforzo da Xunta para levar a cabo a rexeneración urbana do municipio.

Nesta liña, subliñou a rehabilitación dun total de cinco vivendas de mestres para destinalas a familias do concello, nun edificio localizado na avenida de Portugal, impulsando tamén a recuperación da contorna do inmoble; así como a pavimentación da rúa Aira dos Vintes e do ámbito da fonte da Fonteíña.

“Seguiremos traballando ademais no ámbito dos maiores, co Servizo de Axuda ao Fogar; cunha casa niño e neste 2021 levaranse a cabo as melloras no CEIP Vicente Risco, así como o equipamento da Casa da Cultura”, dixo, destacando tamén o proxecto para desenvolver o polígono agroforestal dotado con 250 hectáreas.

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta