A Xunta pon en funcionamento este venres unha nova liña de autobús entre Redondela e a praia de Cesantes

Os novos servizos estarán operativos durante os meses de xullo e agosto, con 8 expedicións, 3 de ida e 5 de volta, de luns a venres

A liña, disporá de dúas rutas, unha cubrirá o traxecto Cedeira-Redondela-praia de Cesantes e a outra seguirá o mesmo percorrido que a anterior, pero con saía en Redondela

Os horarios dos servizos de ida e volta á praia abranguen desde as 13,00 horas ata as 20,15 horas e atópanse configurados segundo as franxas de maior demanda

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2021

A Xunta porá en funcionamento este venres, día 30 de xullo, dúas novas liñas de autobús para conectar o núcleo urbano de Redondela coa praia de Cesantes.

Os novos servizos, cos que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade busca facilitar os desprazamentos dos veciños e usuarios cara este areal, estarán operativos durante o mes de agosto.

As novas liñas contarán cun total de 8 expedicións, tres de ida e cinco de volta, de luns a venres.

Unha das novas conexións cubrirá o traxecto Cedeira-Redondela-praia de Cesantes, con paradas en Cedeira (O Cruceiro), Redondela (A Farola, Fonte de Santiago, ambulatorio), Cesantes (Cruceiro), San Pedro de Cesantes, Alto de Cesantes e punta praia de Cesantes. O horario de ida será ás 16,15 horas, con volta ás 19,00, 19,45 e 20,15 horas.

A outra expedición terá saída de Redondela e seguirá o mesmo percorrido que a anterior ata a praia de Cesantes, con horarios de saída desde a vila ás 13,00 e 16,30 horas e de volta ás 13,15 e 16,15 horas.

A Xunta continúa incorporando melloras nos servizos de autobús interurbano, froito da análise e do seguimento continuo que mantén sobre os novos contratos do Plan de Transporte Público de Galicia, que se completou o pasado mes de decembro, coa fin de ofrecer unha mellor resposta ás necesidades de mobilidade detectadas.