A Xunta adxudica por preto de 800.000 € as obras de mellora do firme en 3 estradas nas comarcas do Eume, Ferrol e Ortegal

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé comezar os traballos na segunda quincena de agosto, co obxectivo de telos rematados este mesmo ano

Actuarase nas estradas AC-101, AC-110 e AC-566, nos concellos de Narón, Valdoviño, Cedeira, As Pontes, Ortigueira, Cerdido, Moeche e As Somozas

Os traballos inclúen a mellora do firme, a limpeza e reperfilado de noiros nas zonas non urbanas e a reposición das marcas en todos os cebreados e vías das estradas

Acondicionaranse os treitos máis sinuosos ou esvaradíos da AC-566 e no punto quilométrico 6+900 reforzarase a seguridade nas paradas de autobús

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por preto de 800.000 euros as obras de mellora do firme en tres estradas autonómicas das comarcas do Eume, Ferrol e Ortegal, que comezarán nas vindeiras semanas.

Os traballos consistirán no acondicionamento da capa de rodadura das estradas de titularidade da Xunta AC-101, AC-110 e AC-566, ao seu paso polos concellos de Narón, Valdoviño, Cedeira, As Pontes, Ortigueira, Cerdido, Moeche e As Somozas.

A intervención, adxudicada á empresa Arias Infraestructuras S.A., prevé iniciarse na segunda quincena de agosto, co obxectivo de tela rematada este mesmo ano. As obras contan cun prazo de execución de catro meses.

Na estrada AC-101 actuarase entre os puntos quilométricos 9+915 e 11+530 e do 16+850 ata o 17+800; na AC-110, nos primeiros 10 quilómetros de estrada, entre os puntos 0+600 ao 10+200; e na AC-566 entre o 1+100 e 8+000, 16+150 e 17+150 e do 29+200 ata o 41+400.

Os traballos inclúen a mellora do firme das estradas mediante o fresado de 5 centímetros da capa de rodadura e posterior reposición mediante unha capa de mestura bituminosa do mesmo espesor.

Nas zonas non urbanas das citadas estradas realizarase tamén a limpeza e reperfilado dos noiros e tamén se reporán as marcas das vías nas que se actúa e en todos os cebreados e marcas das 3 estradas.

Ademais, nos treitos máis fisurados, sinuosos ou esvaradíos da AC-566, estenderase una capa de microaglomerado. Nesta estrada, no punto quilométrico 6+900, tamén se reforzará a seguridade nas paradas de autobús mediante a pavimentación con 21 centímetros de formigón, limitada con bordos.

A Xunta continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns.