A Xunta e o Concello de Oleiros urxen ao Goberno de España a autorizar a conexión da vía ártabra coa AP-9 para poder retomar as obras o antes posible

A necesidade de retranquear unha liña de media tensión e unha canalización de gas impiden actualmente o avance físico dos traballos, que poderían retomarse de contar co visto e prace para executar a conexión coa Autoestrada do Atlántico

As obras retomaranse en outono, cando as compañías dos servizos afectados realizarán os correspondentes retranqueos dos servizos de gas e de media tensión

A conexión coa autoestrada estatal daralle total funcionalidade ao treito da Vía Ártabra xa en servizo, no que a Xunta investiu 70 M€

O Goberno galego está a investir 40 M€ nesta infraestrutura estratéxica para a área da Coruña, a maior licitación da Xunta en materia de estradas na última década
 

A Coruña, 26 de xullo de 2021

A Xunta e o Concello de Oleiros coincidiron hoxe na necesidade de que o Goberno de España emita o antes posible a autorización para a conexión da Vía Ártabra coa AP-9 para poder retomar as obras desta infraestrutura o antes posible.

O director da Axencia Galega de Infraestrutruas, Francisco Menéndez, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, na que lle explicou os motivos que obrigan a unha suspensión temporal das obras da Vía Ártabra que está a executar a Xunta.

No encontro, Menéndez explicou a necesidade xurdida durante a execución dos traballos de retranquear unha liña de gas e outra de media tensión, o que impide actualmente o progreso físico dos traballos. No caso de dispor da autorización para executar a conexión coa AP-9, os traballos poderían retomarse centrados nese ámbito.

A pesar de que existe consenso entre o Goberno galego e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana sobre a configuración da conexión da Vía Ártabra coa AP-9, o expediente de autorización aínda non está resolto, chegando incluso a denegar o Ministerio a realización das sondaxes xeotécnicas necesarias para poder executar as obras.

Está previsto que o expediente de autorización se produza en dous pasos: un primeiro informe de conformidade xeral á execución das obras de conexión coa AP-9, tras o cal o Ministerio autorizará as sondaxes e se poderá pechar a parte construtiva para que sexa despois autorizada, incluíndo os desvíos de tráfico que serán necesarios realizar na AP-9 polas obras de conexión. Esta circunstancia impide executar nestes momentos as obras da Vía Ártabra máis próximas á AP-9.


Neste contexto, está previsto que as obras da Vía Ártabra se retomen en outono, cando as compañías dos servizos afectados realizarán os correspondentes retranqueos das liñas de gas e de media tensión.

En concreto, a traza da vía de altas prestacións intercepta a liña de gas no punto quilométrico 1+700, afectando desde este punto a totalidade das obras ata a AP-9, xa que os servizos de gas descorren polo medio, imposibilitando a realización dos movementos de terras e a execución das estruturas previstas nesa zona.

A intervención nos servizos de gas requiren, ademais, de expropiacións, para o cal xa se ten realizado o levantamento de actas previas o pasado 14 de xullo, estando previsto o levantamento de actas de ocupación para o día 31 de agosto, unha vez pagados os depósitos previos.

En paralelo, a compañía subministradora de gas está tramitando as autorizacións sectoriais necesarias para executar o retranqueo, previsto para outono. Estes traballos supoñen un custo adicional de máis de 900.000 euros.

Na mesma zona que a liña de gas tamén discorre unha liña aérea de media tensión que subministra enxería ao polígono do Espírito Santo. Esta liña tamén afecta ás obras, tanto no ramal de acceso previsto ao parque industrial como na traza principal.

Ao igual que ocorre cos servizos de gas, a compañía eléctrica subministradora tamén está tramitando as autorizacións sectoriais precisas para proceder ao retranqueo. Os custos adicionais desta intervención, que a Xunta xa dotou orzamentariamente, ascende a 440.000 euros.

Cos retranqueos previstos para outono e, logo da autorización por parte do Ministerio de Transportes, a Xunta agarda que a comezos da próxima primavera estean retomados os traballos da Vía Ártabra xa en toda a traza, incluíndo a conexión coa AP-9.

A conexión coa autoestrada daralle total funcionalidade aos 10 quilómetros de Vía Ártabra xa en servizo, que hoxe percorren preto de 5.000 vehículos ao día tras un investimento da Xunta de 70 M€.

Cómpre lembrar que a continuación da Vía Ártabra desde a N-VI e ata a súa conexión coa AP-9 é a infraestrutura viaria máis complexa e con maior investimento, 40 M€, que está a executar actualmente a Xunta.

Mapa coas zonas da obra afectadas polos servizos de gas e de media tensión e tamén coa zona dos traballos pendentes da autorización do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
 

Imaxes relacionadas