A Xunta investirá máis de 2,1 millóns de euros na mellora da seguridade viaria e da mobilidade peonil na parroquia de Santo André de Xeve, en Pontevedra

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a aprobación dos proxectos para actuar na intersección entre as estradas autonómicas PO-223 e PO-224 e para a construción dunha senda peonil

Entre os obxectivos das actuacións está a mellora da seguridade viaria na contorna do CEIP Santo André de Xeve, no marco do proxecto acordado con STOP Accidentes

Ademais, executarase un itinerario para peóns e ciclistas non deportivos de máis de 2 km na estrada PO-223 para conectar os núcleos do Couso e O Sobral

A Xunta prevé licitar as obras neste segundo semestre do ano, logo de convocar o levantamento das actas previas á ocupación dos terreos

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2021

A Xunta investirá máis de 2,1 millóns de euros na mellora da seguridade viaria e da mobilidade peonil na parroquia de Santo André de Xeve, no concello de Pontevedra.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a aprobación dos expedientes de información pública e dos proxectos de execución deseñados pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para a mellora da mobilidade e seguridade dos veciños e dos escolares de Santo André de Xeve. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a estas resolucións: https://xurl.es/rmigv e https://xurl.es/1okoo.

Trátase dos dous proxectos de mellora da seguridade viaria que se levarán a cabo nas estradas autonómicas PO-223 e PO-224, ao seu paso por esta parroquia pontevedresa. O Consello da Xunta aprobou este mes de xullo os respectivos Decretos de utilidade pública dos terreos afectados polas actuacións. Desa forma, no segundo semestre do ano está previsto o levantamento das actas previas á ocupación dos terreos e a licitación das obras.

Dunha banda, a Xunta prevé executar unha senda para peóns e ciclistas non deportivos na estrada autonómica PO-223, entre os núcleos do Couso e O Sobral, que suporá un investimento de case 1,2 millóns de euros.

O novo itinerario, de 2 quilómetros de lonxitude, configurará un percorrido continuo no treito comprendido entre os puntos quilométricos 3+600 e 5+760, unindo así os citados núcleos, e atravesando o polígono industrial e o CEIP Santo André de Xeve. A senda terá un ancho mínimo de 1,80 metros e contará con bordo delimitador, resultando un ancho transitable de máis de 2 metros.

A actuación completarase con modificacións puntuais do trazado da estrada, entre os puntos quilométricos 3+650 e 4+600, para xerar espazo na súa marxe dereita e poder encaixar a senda. Tamén se intervirá na mellora das principais interseccións, coa implantación de semiglorietas e cuñas de aceleración e deceleración.

Ademais, melloraranse as paradas de autobús dos puntos quilométricos 3+850 e 5+300 e, atendendo á solicitude do colectivo ciclista Pedaladas, incorporarase un pequeno treito de senda na glorieta da intersección coa vía a Monteporreiro.

A actuación enmárcase no Plan de Sendas da comarca do Pontevedra, no marco do que se están a desenvolver 9 itinerarios seguros, sostibles e integrados na paisaxe, cun investimento superior aos 5,3 M€. A actuación está financiada pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.

Este proxecto compleméntase coa actuación de mellora da seguridade da estrada autonómica PO-224, en Santo André de Xeve, na contorna da intersección coa PO-223.

As actuacións proxectadas neste proxecto están recollidas na colaboración asinada entre a Xunta e Stop Accidentes para a mellora da seguridade viaria na contorna do CEIP de Santo André de Xeve.

O investimento previsto para esta actuación rolda os 935.000 euros, nos que se inclúe o pagamento dos 15 predios necesarios para a súa execución. O obxectivo é reforzar a seguridade viaria na estrada PO-224, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 2+440 e 2+830 e na intersección coa PO-224, onde se sitúa o centro escolar CEIP Santo André de Xeve.

Actuarase na mellora da actual intersección en cruz entre as estradas autonómicas PO-223 e PO-224, con regulación con semáforos e unha glorieta que fomente a diminución da velocidade na zona. Prevese, ademais, habilitar un itinerario peonil e ciclista de 400 metros que permita conectar o núcleo de Sobral co colexio Santo André de Xeve.

Tamén se procederá á reordenación e ampliación de zonas de aparcadoiro na contorna do CEIP, que disporá de 27 prazas en batería, ampliarase a zona de aparcadoiro de buses actual e incorporaranse 18 prazas para profesores e empregados do centro educativo.

Na zona frontal do CEIP, habilitarase un carril exprés, o coñecido como “kiss and ride” existente nos aeroportos, que estará deseñado para que os alumnos baixen do coche e poidan acceder ao centro de xeito seguro sen a compañía dos seus pais.