A Xunta destaca a contribución da innovación á modernización do sector agroalimentario

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, visitaron a empresa lucense de base tecnolóxica Himikode, que ofrece servizos TIC á industria alimentaria

A empresa participa actualmente na aceleradora de innovación especializada no sector agrolimentario Business Factory Food (BFFood) cun proxecto que permite dixitalizar os puntos de venda das empresas do sector alimentario facilitando a súa xestión e asegurando a calidade dos produtos

Himikode conta tamén cun técnico de I+D+i apoiado a través do programa Principia da Xunta de Galicia

Lugo, 26 de xullo de 2021

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, visitou esta semana a empresa de base tecnolóxica Himikode, fundada en 2018 en Lugo, que desenvolve produtos e servizos TIC orientados ás empresas do sector agroalimentario.

A directora de Gain destacou a importancia da modernización do tecido produtivo galego a través da innovación e da tecnoloxía para contar con empresas máis competitivas e resilientes. Este é precisamente o obxectivo co que naceu Himikode, o de axudar á industria alimentaria a dixitalizar os puntos de venda onde se elaboran e serven os seus produtos ao consumidor final coa finalidade de controlar a calidade na elaboración dos mesmos e mellorar a eficacia na xestión.

Himikode participa actualmente na aceleradora de innovación especializada no sector agroalimentario galega Business Factory Food (BFFood), promovida polo Clúster Alimentario de Galicia e a Xunta de Galicia co obxectivo de impulsar proxectos innovadores no ámbito da industria alimentaria. A empresa está consolidando o proxecto Hk:coffee, un innovador sistema que emprega internet das cousas para monitorizar o equipamento da industria alimentaria na canle de distribución Horeca, facilitando así a xestión, garantindo a trazabilidade, seguridade e sustentabilidade dos produtos e conectando en tempo real as marcas cos seus clientes finais.

Argerey quixo destacar tamén o éxito da aceleradora BFFood que, coa implicación de grandes empresas tractoras –como é o caso de Cafés Candelas–, centros de coñecemento e universidades, ten feito posible, ata agora, que 26 proxectos viran a luz, se crearan 13 novas empresas e 45 postos de traballo e se mobilizaran preto de 3,9 millóns de euros de investimento público-privado. Datos que a consolidan como a primeira aceleradora de Galicia especializada na industria da alimentación.

Himikode conta tamén cun técnico de I+D+i contratado en 2020 co apoio do programa Principia da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, que fomenta a contratación por parte de empresas e organismos de investigación de mozas e mozos profesionais para a realización de tarefas de I+D+i.

Este programa ten permitido, ao longo das súas cinco edicións, a realización de 542 contratos de calidade a persoas de ata 35 anos que se integraron en 282 entidades beneficiarias, o 79% empresas. Deste xeito, perséguese incentivar o emprego de calidade no eido da innovación, favorecendo a incorporación de persoal cualificado que permita asegurar a sostibilidade e garantir a competitividade do ecosistema galego de innovación a longo prazo.

Imaxes relacionadas