A Xunta de Galicia ofrece a máxima colaboración ao concello de Moeche a través da rede de información provincial sobre proxectos eólicos

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, reuniuse coa alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, para informarlle sobre a situación das iniciativas que se están a presentar relativas a este concello

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2021

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, mantivo esta mañá un encontro coa alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, dentro da aposta da Xunta de Galicia pola transparencia e a máxima colaboración institucional á hora de informar sobre a situación dos diferentes proxectos eólicos.

Neste sentido, informóuselle sobre a posta en marcha das redes de información provincial para que os concellos poidan coñecer os proxectos eólicos que se están presentando en Galicia antes de iniciar o seu procedemento administrativo, lembrando que tramitar non significa aprobar a súa autorización. Grazas a esta rede, os concellos terán información de primeira man sobre os proxectos antes de proceder á preceptiva exposición pública dos mesmos.

Ata o de agora, o Goberno galego xa leva informado negativamente de dúas iniciativas tramitadas polo Goberno central relacionadas co concello de Moeche, debido a que están proxectadas fóra das áreas establecidas polo Plan sectorial eólico de Galicia. En concreto, trátase do proxecto Nordés, que abranguería os concellos de Cerdido, Moeche e Valdoviño; e o proxecto Carbeira, no que estarían implicados terreos de Cerdido, Moeche, As Somozas, Valdoviño e As Pontes –ambos suman unha potencia de 134,8 MW–.