As afeccións das liñas de gas e de media tensión e a falta de autorización do ministerio de Transportes obrigan a unha suspensión temporal das obras da vía Ártabra

As afeccións aos servizos de media tensión e da liña de gas, unidos á falta de permiso para continuar coa conexión coa autoestrada de titularidade estatal impiden, neste momento, seguir coa execución dos traballos na traza

As obras retomaranse en outono, cando as compañías dos servizos afectados realizarán os correspondentes retranqueos dos servizos de gas e de media tensión

A Xunta agarda que a comezos da próxima primavera se poida retomar a intervención, xa ao longo de toda a traza, incluída a conexión coa AP-9

A conexión coa autoestrada estatal daralle total funcionalidade ao treito da Vía Ártabra xa en servizo, no que a Xunta investiu 70 M€

O Goberno galego está a investir 40 M€ nesta infraestrutura estratéxica para a área da Coruña, a maior licitación da Xunta en materia de estradas na última década
 

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2021.- As afeccións das liñas de gas e de media tensión e a falta de autorización do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a conexión da Vía Ártabra coa AP-9 obrigan a unha suspensión temporal das obras.

As afeccións aos servizos de media tensión e da liña de gas e ao non dispoñer aínda do permiso do Ministerio para continuar coa conexión coa autoestrada de titularidade estatal impiden, nestes momentos, seguir coa execución dos traballos na traza.

Está previsto que as obras da Vía Ártabra se retomen en outono, cando as compañías dos servizos afectados realizarán os correspondentes retranqueos das liñas de gas e de media tensión.

En concreto, a traza da vía de altas prestacións intercepta a liña de gas no punto quilométrico 1+700, afectando desde este punto a totalidade das obras ata a AP-9, xa que os servizos de gas descorren polo medio, imposibilitando a realización dos movementos de terras e a execución das estruturas previstas nesa zona.

A intervención nos servizos de gas requiren, ademais, de expropiacións, para o cal xa se ten realizado o levantamento de actas previas o pasado 14 de xullo, estando previsto o levantamento de actas de ocupación para o día 31 de agosto, unha vez pagados os depósitos previos.

En paralelo, a compañía subministradora de gas está tramitando as autorizacións sectoriais necesarias para executar o retranqueo, previsto para outono. Estes traballos supoñen un custo adicional de máis de 900.000 euros.

Na mesma zona que a liña de gas tamén discorre unha liña aérea de media tensión que subministra enxería ao polígono do Espírito Santo. Esta liña tamén afecta ás obras, tanto no ramal de acceso previsto ao parque industrial como na traza principal.

Ao igual que ocorre cos servizos de gas, a compañía eléctrica subministradora tamén está tramitando as autorizacións sectoriais precisas para proceder ao retranqueo. Os custos adicionais desta intervención, que a Xunta xa dotou orzamentariamente, ascende a 440.000 euros.

Por outra banda, e pese a que existe consenso entre o Goberno galego e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana sobre a configuración da conexión da Vía Ártabra coa AP-9, o expediente de autorización aínda non está resolto, chegando incluso a denegar o Ministerio a realización das sondaxes xeotécnicas necesarias para poder executar as obras.

Está previsto que o expediente de autorización se produza en dous pasos: un primeiro informe de conformidade xeral á execución das obras de conexión coa AP-9, tras o cal o Ministerio autorizará as sondaxes e se poderá pechar a parte construtiva para que sexa despois autorizada, incluíndo os desvíos de tráfico que serán necesarios realizar na AP-9 polas obras de conexión. Esta circunstancia impide executar nestes momentos as obras da Vía Ártabra máis próximas á AP-9.

Así, cos retranqueos previstos para outono e, logo da autorización por parte do Ministerio de Transportes, a Xunta agarda que a comezos da próxima primavera estean retomados os traballos da Vía Ártabra xa en toda a traza, incluíndo a conexión coa AP-9.

A conexión coa autoestrada daralle total funcionalidade aos 10 quilómetros de Vía Ártabra xa en servizo, que hoxe percorren preto de 5.000 vehículos ao día tras un investimento da Xunta de 70 M€.

Cómpre lembrar que a continuación da Vía Ártabra desde a N-VI e ata a súa conexión coa AP-9 é a infraestrutura viaria máis complexa e con maior investimento, 40 M€, que está a executar actualmente a Xunta.

Mapa coas zonas da obra afectadas polos servizos de gas e de media tensión e tamén coa zona dos traballos pendentes da autorización do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.