A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, rubricaron hoxe telematicamente os acordos de colaboración que incrementan as expedicións e a cobertura dos servizos e supoñen redución nas tarifas

A Xunta e o concello de Pontevedra asinan os convenios para mellorar os servizos e activar as bonificacións no transporte público da cidade desde o 1 de setembro

Desde esa data estarán operativas as novas liñas entre Monteporreiro-Xunqueira-estación de autobuses / estación de ferrocarril e Monteporreiro-Montecelo-praza de Galicia

A Xunta asume a prestación dos servizos, que requiren da incorporación de dous novos autobuses, para o que o Concello achega un investimento de 146.000 € ao ano

Bonifícanse un mínimo de 0,50 € nas viaxes internas no termo municipal de Pontevedra e integramente todos os transbordos, cunha achega municipal de 145.000 € ao ano

Os menores de 21 anos viaxan gratis grazas á tarxeta Xente Nova da Xunta, que desde mediados de 2020 beneficia a 6.500 mozos da área de Pontevedra cunha achega da Xunta de arredor de 353.000 euros en bonificacións

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe telematicamente co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, os convenios de colaboración para activar as melloras nos servizos e as bonificacións no transporte público na cidade, que serán efectivas a partir do vindeiro día 1 de setembro.

Grazas á colaboración entre a Xunta e o concello de Pontevedra incrementaranse as expedicións e a cobertura dos servizos dos autobuses da Xunta e os veciños veranse beneficiados da redución das tarifas.

Un dos convenios recolle a implantación do servizo de transporte de interese municipal no concello de Pontevedra que substitúe as liñas do contrato metropolitano, aumentando as expedicións e a lonxitude dos percorridos.

Así, o vindeiro 1 de setembro entrarán en funcionamento novas liñas que amplían a cobertura con mellores servizos: Monteporreiro-Xunqueira-estación de autobuses/ferrocarril; e en sentido inverso: estación de autobuses/ferrocarril-Xunqueira-Monteporreiro; e a liña Monteporreiro-Montecelo-praza de Galicia; e praza de Galicia-Montecelo-Monteporreiro, en sentido inverso. Os itinerarios destas liñas cubrirán todo o perímetro da cidade unindo todos os centros de atracción peonil, como centros sanitarios, administrativos, deportivos e o campus universitario.

Estas liñas substituirán ás dos contratos de transporte interurbano actuais: estación de autobuses-Residencia Montecelo; estación de autobuses-estación de autobuses; Xofre de Tenorio-Monteporreiro-Xofre de Tenorio; e Monteporreiro-A Xunqueira-Xofre de Tenorio.

A Xunta achega preto de 500.000 euros ao ano en concepto de obrigas de servizo público para o mantemento do contrato de transporte público do que forman parte as liñas obxecto do convenio co concello de Pontevedra.

Tal e como establece o acordo asinado, a Xunta asume a prestación dos servizos e ao Concello correspóndelle achegar un investimento de 146.000 euros ao ano para sufragar estes servizos, que requiren da incorporación de novos autobuses no contrato. Este convenio estará en vigor ata o 31 de decembro de 2024.

Por outra parte, o outro convenio asinado hoxe por Ethel Vázquez e Miguel Anxo Fernández Lores, ten como obxectivo establecer un sistema de bonificacións tarifarias nos servizos internos, compatible co conxunto das viaxes no Plan de Transporte Público de Galicia e coa futura Área de Transporte de Galicia na que está a traballar a Xunta.

Este acordo permitirá bonificar como mínimo 0,50 euros en todas as viaxes internas no termo municipal de Pontevedra, o que implica que nas viaxes con orixe e destino neste concello o prezo do billete pasará de 1,35 a 0,85 euros, sempre que se abone coa tarxeta da Xunta TMG.

Tamén se bonifican integramente todos os transbordos realizados neste tipo de percorridos. O importe das bonificacións serán abonadas polo Concello, cunha achega anual de 145.000 euros.

Estes descontos sumaranse aos que xa se aplican por recorrencia grazas á implantación do Plan de Transporte Público de Galicia, resultando unhas tarifas medias inferiores ás actuais.

Viaxes gratis coa tarxeta ‘Xente Nova’

Ademais destes novos incentivos, os menores de 21 anos poden viaxar gratis en autobús coa tarxeta Xente Nova que financia a Xunta.

Son un total de 6.500 os mozos da área de Pontevedra que dispoñen desta tarxeta, implantada pola Xunta nesta área a mediados de 2020 e que agora, desde o pasado 21 de maio, estendeu a súa cobertura aos 313 concellos de Galicia.

A tarxeta Xente Nova da Xunta ten permitido que estes 6.500 mozos da área realizasen un total de 262.000 viaxes que supuxeron un investimento da Xunta de case 353.000 euros en bonificacións.

Nesa área, o concello de Pontevedra é o de Marín son os que suman máis tarxetas Xente Nova activas, con 3.134 e 1.337, respectivamente.