A execución da ampliación da avenida da Deputación de Sabón fai necesario un corte diúrno na fin de semana entre as avenidas da Moda e a da Ponte e a da Enerxía

Durante a xornada do sábado e do domingo habilitaranse desvíos alternativos ao tráfico en sentido Caión e en sentido A Coruña

A concentración dos traballos nestas dúas xornadas da fin de semana busca minimizar a afección aos usuarios e ao polígono e axilizar a obra, que se prevé rematar o vindeiro verán

Esta actuación integral, cun investimento de 6,3M€, enmárcase na colaboración entre a Xunta e o Concello de Arteixo
 

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2021

A execución das obras de ampliación da avenida da Deputación, no polígono industrial de Sabón, en Arteixo, farán necesario realizar un corte diúrno de tráfico entre a avenida da Moda e a avenida da Ponte e a da Enerxía. Concretamente, o corte de tráfico realizarase entre ás 08,00 e as 20,00 horas na xornada do sábado día 24 e do domingo día 25.
 

Para evitar no posible o impacto dos traballos no tráfico diúrno de vehículos na zona, habilítanse os correspondentes desvíos alternativos para a circulación, tanto en sentido Caión como en sentido A Coruña. Estes desvíos estarán debidamente sinalizados e balizados.

A concentración dos traballos na fin de semana trata de minimizar a afección aos usuarios e ao polígono, ao tempo que permite maior axilidade á propia obra. Coa realización das obras nas xornadas do sábado e do domingo evítanse as retencións no acceso ao polígono durante as xornadas laborais, ademais de favorecer as condicións de seguridade dos traballos e dos condutores, ao evitar a circulación durante a súa realización.

Investimento, máis de 6,3M€

O pasado 11 de xaneiro comezaron estas obras de ampliación da capacidade e humanización da avenida da Deputación no polígono de Sabón. Esta actuación, que desdobra os carrís para gañar fluidez no tráfico, conta cun investimento autonómico de máis de 6,3 M€ e prevese o seu remate para o próximo verán.

Con esta intervención integral perséguese solucionar os problemas de fluidez do tráfico que se xeran nas horas puntas nesa contorna, favorecer os movementos e facer máis cómodos e seguros os desprazamentos das persoas que cada día se achegan ao polígono.

Os traballos desenvólvense no marco dun convenio de colaboración entre a Xunta, que financia e executa as obras, e o Concello de Arteixo, que pon á disposición os terreos necesarios e manterá a actuación, unha vez rematada.

O proxecto consiste no desdobramento dos carrís da avenida da Deputación, que pasará a ter 4 carrís en todo o trazado, entre a glorieta elevada de Sabón e a da avenida da Enerxía, onde se atopa a ITV.

No primeiro treito, entre a glorieta de Sabón e a avenida do Embalse, acometerase un carril adicional en sentido Coruña, con conexión directa ao ramal de acceso ao nivel inferior da rotonda, o que mellorará os tráficos e a fluidez dos vehículos pesados. Tamén se habilitarán beiravías, beirarrúas e unha zona con aparcadoiro en liña.

No segundo tramo, entre as avenidas do Embalse e da Moda, duplicaranse os carrís por cada sentido e dotarase a zona de aparcadoiro en liña e beirarrúa e beiravías. Ademais, executaranse muros de contención para salvar as afeccións coas parcelas existentes.

No terceiro treito, entre as avenidas da Moda e da Enerxía, duplicaranse os carrís con separación mediante mediana física, e habilitaranse en ambas marxes, beirarrúas con beiravías de 1 metro de ancho.

A intervención recolle a construción de dúas ´turboglorietas´ nas interseccións coa avenida do Embalse e coa da Moda e unha glorieta de 36 metros de diámetro na da Enerxía. Estas infraestruturas permitirán cambios de circulación e xiros máis cómodos e seguros.