O Goberno galego avanza no impulso desta infraestrutura estratéxica para a cidade, que suporá un investimento conxunto de arredor de 80 M€ no seu desenvolvemento

A Xunta anuncia no Diario Oficial da Unión Europea a licitación das obras da estación da terminal de autobuses e dos elementos comúns da intermodal da Coruña por 35 M€

Este trámite axiliza os prazos de contratación das obras que executará a Xunta: a nova terminal de autobuses integrada na de ferrocarril, que financia; o aparcadoiro, cuxo custo asume o Concello; e os elementos comúns na área da intermodal de San Cristóbal

A Xunta licitará as obras cando o Concello da Coruña e Adif validen o convenio proposto para concretar o reparto do financiamento e da execución dos distintos elementos

O Goberno galego financiará a nova terminal de autobuses ao carón da terminal ferroviaria da Sardiñeira, baixo a que se executará o aparcadoiro da área intermodal, con máis de 350 prazas

A Xunta traballa no impulso deste proxecto estratéxico para dotar á cidade dunha infraestrutura que funcione como nó do transporte público de viaxeiros, como xa se fixo en Ourense ou Santiago, que xa teñen as súas intermodais en funcionamento

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia publicou hoxe no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) o anuncio previo de licitación das obras de construción da terminal de autobuses e dos elementos comúns da estación intermodal da Coruña, por un investimento estimado de 35 millóns de euros.

No seguinte enlace pode consultarse o anuncio no Diario Oficial da Unión Europea: https://ted.europa.eu/TED/notice/udl.

Este trámite permite a próxima contratación das obras que vai executar pola Xunta: a nova terminal de autobuses integrada na de ferrocarril, que financia integramente a Administración autonómica; o aparcadoiro que financia o Concello da Coruña; e os elementos comúns integrados na área da intermodal de San Cristóbal, cuxo custo asume maioritariamente Adif, e tamén o Concello da Coruña.

Este novo paso permite axilizar os prazos de contratación das obras que prevé licitar a Administración autonómica como encargada da xestión e execución destas obras. Isto será posible no momento que o Concello da Coruña e Adif acepten e asinen a proposta de convenio remitida en xuño pola Xunta, que simplifica e xunta nun único acordo a colaboración para incorporar á cidade ao mapa da intermodalidade, fixando os termos concretos do reparto do financiamento e da execución das obras.

O pasado mes de maio se formalizou o convenio marco de colaboración entre a Xunta, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e o Concello da Coruña, para materializar un investimento conxunto de case 80 M€ para o desenvolvemento da estación intermodal, que debe concretarse agora nun convenio de desenvolvemento.

A nova estación de autobuses intermodal

A Xunta será a encargada de financiar a nova estación de autobuses integrarase na actual estación de ferrocarril no espazo existente entre a avenida da Sardiñeira e as vías ferroviarias, posibilitando que ambas as terminais conformen unha área de transporte intermodal, que integre o transporte público de viaxeiros en autobús co tren na cidade. Baixo a laxa da terminal de autobuses executarase tamén o aparcadoiro de turismos da área intermodal, con máis de 350 prazas.

Co obxecto de optimizar a coordinación das obras que se desenvolverán na área intermodal, executarase, conxuntamente e no mesmo contrato de obra, a actuación de elementos comúns da remodelación da estación ferroviaria e a terminal de autobuses, que incorpora as infraestruturas ou instalacións que sexan compartidas por ambas as estacións, garantindo a independencia e compatibilidade construtiva entre ambas.

As obras son susceptibles de cofinanciamento no marco do programa europeo Next Generation UE, fronte á pandemia da covid-19.

A Xunta segue a traballar no impulso deste proxecto estratéxico para dotar á cidade herculina dunha infraestrutura que funcione como un gran centro de transporte público e permita o intercambio entre o autobús en cuestión de poucos minutos. Trátase de facilitar o desenvolvemento da estación intermodal da cidade, como xa se fixo en Ourense ou Santiago de Compostela, que hoxe teñen estas infraestruturas xa en funcionamento e ao servizo de veciños e usuarios.