Nace o ciclo ‘Comicamente’, que levará este verán o humor galego a 12 concellos co apoio da Xunta

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou hoxe o novo programa, liderado polos humoristas e monologuistas galegos Carlos Blanco, Luís Piedrahita, Xosé A. Touriñán e Lucía Veiga

Impulsado polas empresas Con de tres pés, Etiqueta Negra e Ainé Producións, o proxecto súmase ás máis de 3.000 actividades programadas xa para este verán no marco do Xacobeo 21-22 co obxectivo de reactivar o sector cultural

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou hoxe o novo ciclo Comicamente, impulsado polas empresas Con de tres pés, Etiqueta Negra e Ainé Producións co apoio da Xunta de Galicia para levar o humor a 12 concellos da Comunidade desde finais de xullo a comezos de setembro. O proxecto, enmarcado na programación do Xacobeo 21-22, súmase ás iniciativas postas en marcha polo Goberno galego co obxectivo de contribuír á reactivación do sector cultural.

A presentación desenvolveuse na Cidade de Cultura, escenario escollido para un dos espectáculos, e contou coa participación dos actores e humoristas Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán, quen, xunto a Luís Piedrahita, lideran a iniciativa. Ademais, a monologuista Lucía Veiga, tamén presente no acto de hoxe, será a mestra de cerimonias de todas as funcións.

Na súa intervención, o conselleiro salientou a presenza dos “tres pesos pesados da comedia a todos os niveis”, que estarán acompañados por outros dez rostros moi coñecidos e que representan “o noso humor, o xenuinamente galego”. Así, David Amor, Oswaldo Digón, Isi, Marita Martínez, Carmen Méndez, David Perdomo, Federico Pérez, Celso Sanmartín, Ledicia Sola e Pepo Suevos completan o cartel deseñado para levarlle ao público a risa e o seu demostrado efecto terapéutico, “tan necesario nestes momentos especialmente complicados que estamos a vivir”, apuntou Román Rodríguez.

As entradas para asistir aos espectáculos póñense á venda mañá mesmo en ataquilla.com. O Carballiño, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo, Ourense, Mondoñedo, Pontevedra, A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo e Lalín son os concellos confirmados que van acoller, do 31 de xullo ao 4 de setembro, as actuacións previstas. A eles sumarase unha localidade máis, aínda por determinar. Todos os espectáculos serán en emprazamentos ao aire libre e cunhas moi coidadas postas en escena.


Recoñecemento ao sector cultural

O conselleiro puxo en valor o esforzo desenvolvido polas empresas que sustentan este programa e por toda a industria cultural galega para levar adiante os seus proxectos neste contexto de especial dificultade. Nesta liña, referiuse á aposta que está a facer a Xunta para apoiar o sector cultural, co impulso de máis de 3000 actividades por toda a xeografía galega e cun investimento superior aos 9M€ ao abeiro do Plan de Reactivación da Cultura.

Román Rodríguez sinalou tamén o “retorno certo e positivo” que vai ter o ciclo Comicamente, que prevé chegar a milleiros de persoas grazas co seu formato de evento ao aire libre, xerar un cento de empregos e implicar unha vintena de empresas do ámbito cultural relacionadas coa produción. Ademais, o conselleiro incidiu nas actuacións culturais como espazos seguros, nos que se seguen estritos protocolos sanitarios e coa seguridade do público sempre por diante. Xunto ao Goberno galego, apoian a iniciativa as empresas Gadis, Deleite e Estrella Galicia.

O arranque, o 31 de xullo no Carballiño

O ciclo arranca xa o 31 de xullo no Campo das Barcias do Carballiño, con Carlos Blanco, Carmen Méndez e David Perdomo. Xa o 6 de agosto, Carlos Blanco, Luis Piedrahita e Xosé A. Touriñán actuarán na ETEA de Vigo e, o 7, Carlos Blanco, Luis Piedrahita e Pepo Suevos farano no Parque da Xunqueira de Vilagarcía de Arousa.

Pola súa banda, Marita Martínez, Federico Pérez e Xosé A. Touriñán levarán o humor á praza Fonte de Ramos, en Sanxenxo o 13 de agosto. Na seguinte semana, o 20, a Alameda dos Remedios de Mondoñedo será o escenario para Celso Sanmartín, Ledicia Sola e Xosé A. Touriñán, mentres que o 21 a explanada do Recinto Feiral de Pontevedra o será para David Amor, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán.

A finais de agosto, o 28, chegarán Carlos Blanco, Luis Piedrahita en Xosé A. Touriñán ao Parque de Bens da Coruña. David Amor, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán pechan as actuacións de agosto, na xornada do 29 na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, e abren as de setembro o día 3 no Paseo Fluvial de Lugo. Finalmente, o 4 de setembro será a quenda David Amor, Oswaldo Digón e Isi no auditorio ao aire libre de Lalín. O ciclo ten previsto tamén ofrecer unha función na cidade de Ourense, da que está pendente pechar a data.

Imaxes relacionadas