Política Social pon en valor as actividades de ocio educativo nas paisaxes galegas durante a visita ao minicampamento eco-verán na Ribeira Sacra

A Consellería de Política Social puxo en marcha esta modalidade de ocio estival baixo o nome Coñece Galicia en 2020, e está enmarcada na campaña O verán que mereces
Este ano ofrece 600 prazas para nenos e nenas de entre 10 e 14 anos, 67 máis que no 2020

Hoxe as rapazas e rapaces participantes puideron gozar de diferentes actividades acuáticas, como kaiak, padel-surf ou bañarse na Praia da Cova
 

Monforte de Lemos (Lugo), 22 de xullo de 2021

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada do delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o Minicampamento Eco-Verán, levado a cabo en Monforte de Lemos e centrado no eido ambiental e de turismo na natureza. Alí puxo en valor a posibilidade de realizar actividades que permiten á mocidade galega coñecer lugares como os miradoiros da Ribeira Sacra, considerado Patrimonio da Humanidade, onde se achegaron hoxe.

Neste minicampamento, que comezou o pasado día 19 e rematará mañá, as rapazas e rapaces puideron realizar unha gran diversidade de actividades, como kaiak ou padel-surf no río Miño, e remataron cun baño na Praia da Cova. Estas propostas enmarcadas na Campaña de Verán no programa Coñece Galicia, son algunhas das iniciativas postas en marcha pola Consellería de Política o pasado ano tras a necesaria adaptación da oferta de ocio ás restricións derivadas da pandemia.

Coñece Galicia ofrece pequenas estancias de luns a venres, en aloxamentos turísticos distribuídos pola xeografía galega aos nenos e nenas de entre 10 e 14 anos. Este programa propón varias actividades de ocio activo, de multiaventura e coñecemento do patrimonio natural e cultural, de turismo de natureza e educación ambiental, de coñecemento de paraxes naturais e mariñas ou de desfrute do medio rural, entre outras alternativas.

Este ano 2021, ofrece 600 prazas nos meses de xullo e agosto, 67 máis que o 2020, repartidas entre un total de 13 instalacións e programas diferentes para completar a oferta de actividades de O Verán que mereces.
 

Imaxes relacionadas