Trenor destaca a potencialidade do turismo náutico galego na presentación da regata Mar de Maeloc Xacobeo 21-22

Trátase dunha travesía de altura de 250 millas náuticas con partida de Getxo o 21 de xullo e chegada á Coruña o 25 de xullo

Para facer posible esta competición a Xunta de Galicia, co motivo do Xacobeo 2021-2022, aportou 10.000 euros

A Coruña, 19 de xullo de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou na presentación da regata Mar de Maeloc Xacobeo 21-22 que pecha o círcuito de Regatas de Bidasoa al Miño. Trenor destacou que o obxectivo desta competición é que a vela galega e o turismo náutico volvan a ser un referente nacional coa serie de regatas Mar de Maeloc, entre as que se atopa a de Xacobeo 21-22, a de Rías Altas, a de Finisterre e a de Rías Baixas.

Estas competicións contan a nivel organizativo co apoio do Real Club Náutico de La Coruña, o Real Club Náutico de Vigo, e conta tamén co apoio do considerado primeiro club náutico español o Real Club Marítimo del Abre-Real Sporting Club de las Arenas-Getxo de Vizcaia.

Trenor destacou que grazas a esta colaboración “hoxe é posible presentar esta regata Xacobeo 21-22 que permitirá unir as regatas clásicas vascas coas galegas. Trátase dunha travesía de altura de 250 millas náuticas con partida de Getxo o 21 de xullo e chegada á Coruña o 25 de xullo”. O delegado da Xunta recalcou que para facer posible esta competición a Xunta de Galicia, co motivo do Xacobeo 2021-2022, aportou 10.000 euros.

O delegado da Xunta na Coruña puxo en valor a frota que participará nesta regata que contará con 16 cruceiros, cun dos percorridos máis longos de España desta tempada que unirá o País Vasco coa Coruña.

Trenor subliñou a enorme potencialidade coa que conta o turismo náutico galego, grazas ás posibilidades de navegación das rías durante todo o ano e a calidade das infraestruturas dos portos deportivos nos que, en moitos dos cales ondea a bandeira azul e que, ademais, son distinguidos coa Q de Calidade Turística.

“A náutica galega mellorou nos últimos anos de maneira significativa”, subliñou o delegado da Xunta, que aludiu a cuestións como a capacidade de amarre, a difusión de actividades, a creación de empresas ou a organización de eventos como a regata Mar de Maeloc Xacobeo 21-22, que contribúen “a facer do turismo náutico un factor de desenvolvemento para a Galicia costeira”.

Imaxes relacionadas