A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovou a encomenda para as tarefas de control da biomasa nas marxes das estradas de titularidade da Xunta, cun investimento de preto de 1,5 M€

A Xunta inicia esta semana novas tarefas de roza e limpeza nas marxes das estradas autonómicas nas provincias de Ourense e de Pontevedra

Comezarán os traballos na estrada OU-801, en Ribadavia e Ponte Barxas, e na Variante de Marín V.G.- 4.4, en Pontevedra e Marín

Continuarán os labores iniciados a pasada semana na AC-413 en Ordes e na LU-172 en Muras

Este tipo de actuacións contribúen á eliminación de especies que incrementan o risco de lume e melloran a seguridade viaria, ao evitar a caída de árbores á vía e incrementar a visibilidade

As intervencións permiten, ademais, dar cumprimento ao acordo parlamentario para a redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das vías de titularidade da Xunta

O departamento que dirixe Ethel Vázquez leva investidos, desde o ano 2018, 6,8 M€ nestas tarefas de control da biomasa nas estradas autonómicas, realizadas a través da empresa pública Seaga
 

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2021.- A Xunta prevé iniciar a vindeira semana novos traballos de roza e limpeza nas marxes de estradas autonómicas nas provincias de Ourense e de Pontevedra.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovou a encomenda á empresa pública Seaga para a realización de tarefas de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas das catro provincias, de cara á prevención de lumes e o reforzo da seguridade viaria, á que destina un investimento de preto de 1,5 millóns de euros.
No marco destas intervencións, este luns comezarán os traballos na estrada OU-801, no treito Ribadavia e Ponte Barxas, e na Variante de Marín, V.G.- 4.4, en Pontevedra e Marín.
Ao tempo, continuarán as actuacións iniciadas a semana na AC-413, no municipio coruñés de Ordes, e na LU-172 en Muras, na provincia de Lugo. Estas tarefas seguirán estendéndose de xeito progresivo ás distintas vías da rede de estradas de titularidade da Xunta.
O conxunto de traballos realizados no marco deste contrato, renovado coa empresa pública Seaga para os vindeiros 12 meses, completan os que se veñen realizando ao longo do ano polo servizos ordinarios de conservación de estradas da Xunta. Mediante estas actuacións impúlsase a tala e roza de vexetación de dominio público das estradas autonómica e supoñen un apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.
Deste xeito, por unha banda, estas actuacións contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.
O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á calzada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Ademais, serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da estrada animais como xabarís ou corzos.
Este contrato tamén posibilitará dar cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas autonómicas, engadindo aos medios da súa conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga. Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 lévanse investidos 6,8 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.
 

Imaxes relacionadas