A Xunta destaca o valor da artesanía galega como actividade de presente e futuro a través da súa modernización e internacionalización

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta tarde a feira Artesanía de Galicia en Muros, na que participan 17 obradoiros durante toda esta fin de semana

Destacou que este tipo de iniciativas supoñen un “verdadeiro escaparate” para impulsar a comercialización dos produtos e divulgar os oficios artesáns

O Goberno galego destina este ano 5 millóns de euros para a implantación e impulso da estratexia dixital no sector, apoiando así a súa adaptación a novos hábitos de consumo e fórmulas de comercialización
 

Muros (A Coruña), 17 de xullo de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta tarde a feira Artesanía de Galicia en Muros, un evento que se levará a cabo durante toda esta fin de semana na praza de abastos do municipio co obxectivo de impulsar a comercialización de produtos artesáns e divulgar os oficios que engloba o sector.

Conde puxo en valor este tipo de iniciativas que supoñen un “verdadeiro escaparate” do talento da artesanía local e demostran que se trata dunha “actividade de presente pero tamén de moito futuro”. Na actualidade, este sector emprega a 7800 persoas, polo que apostou por seguir apoiando desde as administracións a súa adaptación a novos hábitos de consumo e a novas fórmulas de comercialización que pasan pola internacionalización. Neste sentido, a Xunta de Galicia destina este ano 5 millóns de euros para a implantación e impulso da estratexia dixital e modernización do sector.

A feira, organizada pola Fundación Artesanía de Galicia en colaboración co Concello de Muros, acolle a un total de 17 obradoiros profesionais, 15 dos cales exporán e terán á venda os seus produtos ¬–Arobe Cerámica e Arteviares (A Coruña); Laura Triñanes, Variopinto e Io Obradoiro Textil (Santiago de Compostela); Ana Méndez Cerámica (Pazos de Borbén); Artesanía Silvent (Caldas de Reis); Ceramicaq (Gondomar); Como Cuando (Vigo); Design Orfebres (Ourense); Mar Barral (Catoira); Obradoiro Gorín (Malpica de Bergantiños); Pilar Piñeiro Cerámica (Cangas); Redeiras Artesás (Ponteceso); e Tejeluz (Boiro)–.

Os dous obradoiros restantes serán os encargados de achegar a artesanía ás familias a través de diferentes talleres que impartirán no mesmo horario da feira –de 11:30 a 14:30 e de 16:00 a 21:00 horas–. Así, a artesá Leonor Díaz, de Como pez en el agua (Vigo), ofrecerá unha sesión sobre pintura decorativa sobre madeira; e Julia de la Cal, do obradoiro La Parabólica (O Porriño), estará á fronte doutro de iniciación á cestería.

Ademais, todos aqueles que se acheguen á feira poderán visitar a exposición itinerante de fotografías Enredadas, que estará dispoñible no Muíño das Mareas do Pozo de Cachón de Muros ata mañá domingo, 18 de xullo. Trátase dunha iniciativa resultante do proxecto de boas prácticas homónimo creado pola Xunta de Galicia no 2012 para promover a diversificación do oficio tradicional das redeiras artesás galegas.
 

Imaxes relacionadas