A Xunta adxudica por 353.000€ a instalación de cerramentos na AG-64 en Narón e na vía de altas prestacións CG-2.2 no Corgo para evitar accidentes pola irrupción de fauna

Os traballos, cun prazo de execución de catro meses, comezarán en agosto

Na AG-64, na zona de Sedes, colocarase un peche de seguridade e procederase á adaptación do chan cunha tensión de valla superior aos 1.000 kg de arrastre para a contención dos xabarís

Na vía de altas prestacións Lugo-Monforte instalarase o mesmo modelo de peche no treito coincidente co Corgo
 

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por case 353.000 euros a instalación de cerramentos de seguridade na AG-64 en Sedes, en Narón, e na vía de altas prestacións Lugo-Monforte (CG-2.2), no Corgo.

Estes traballos, adxudicados á empresa Xérmolo S.A. comezarán o vindeiro mes de agosto e terán un prazo de execución de catro meses.
No caso da vía de altas prestacións AG-64, a actuación levarase a cabo desde o punto quilométrico 9+000 ata o 11+000.

As obras consistirán na substitución do cerramento existente por un peche de seguridade de 150 centímetros de altura libre sobre o terreo, para a contención de animais domésticos e fauna salvaxe como os corzos, moi abundantes na zona.
Ademais, procederase á adaptación do chan cunha tensión de valla superior aos 1.000 quilos de arrastre para a contención dos xabarís.

O proxecto prevé tamén a instalación de ramplas de escape no cerramento para posibilitar a saída dos animais das estradas no caso de que consigan acceder ás mesmas e executaranse pasos antifauna nos ramais dos enlaces para impedir o acceso de animais.
No que se refire á CG-2.2, a vía de altas prestacións Lugo-Monforte, desenvolverase a colocación deste mesmo modelo de peche para a contención da fauna no treito ao paso polo municipio do Corgo na provincia de Lugo.

Estas actuacións enmárcanse nas medidas específicas que está a poñer en marcha a Consellería de Infraestruturas para evitar os accidentes causados pola irrupción do xabaril nas estradas.

Así, por exemplo, a autovía Nadela-Sarria, cuxa 1ª fase se está a executar, tamén contará con valla reforzada en ambos os lados para reducir estes sinistros.