A Xunta recibe 7 ofertas para a implantación de tratamento biolóxico na depuradora de Vilaboa, que suporá un investimento autonómico de 720.000 euros
Das ofertas presentadas, 2 están conformadas por UTE, o que supón un total de 9 empresas
Dotarase a instalación de tratamento secundario das augas residuais co obxectivo de cumprir os parámetros das directivas europeas no tratamento da materia orgánica vertida
O obxectivo da Xunta é iniciar a obra no 1º trimestre de 2022 e rematalas nese mesmo ano
Esta depuradora é unha instalación municipal, en cuxa xestión a Xunta leva investidos 2,2 M€, para apoiar ao municipio nas súas competencias de xestión da auga
A actuación enmárcase no traballo que se está a desenvolver polo saneamento da ría de Vigo, onde a Xunta xa investiu 80M€ na depuradora de Lagares e no que segue a avanzar, coa redacción do proxecto da nova depuradora de Arcade
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu 7 ofertas para executar as obras para a implantación de tratamento biolóxico na depuradora de Vilaboa, que suporá un investimento autonómico de 720.000€.
Destas 7 ofertas presentadas, 2 delas están conformadas por UTE, o que supón un total de 9 empresas.
Trátase de mellorar o sistema de depuración da estación de tratamento de augas residuais de Vilaboa, que só conta con tratamento primario físico-químico e dotala dun tratamento secundario, biolóxico, conseguindo así maior eliminación de materia orgánica e do nitróxeno contido na auga residual.
Os traballos que se van executar inclúen, ademais, intervencións no control de olores, mediante unha axeitada desodorización ou cambios e actualización de equipos para adaptarse á normativa.
Tamén se incorpora un sistema de monitorización enerxética, para ter un maior control do consumo eléctrico da planta ou o cambio do panel sándwich da cuberta.
O obxectivo da Xunta é iniciar a obra no 1º trimestre de 2022 e rematalas nese mesmo ano, xa que teñen un prazo de execución de 5 meses.
A actuación será financiada no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.
Con esta actuación o departamento que preside Ethel Vázquez segue a avanzar no saneamento integral da ría, con novas intervencións que permitan cumprir e adaptarse ás directivas europeas en relación co tratamento da materia orgánica vertida.
Cómpre lembrar que a depuradora de Vilaboa é unha instalación municipal, a cuxa xestión a Xunta leva destinados 2,2 M€, para apoiar ao municipio nas súas competencias de xestión da auga.
Esta nova actuación en Vilaboa enmárcase no traballo que se está a desenvolver polo saneamento da ría de Vigo, onde a Xunta xa investiu 80M€ na depuradora de Lagares e onde segue a avanzar, coa redacción do proxecto da nova EDAR de Arcade.