Ethel Vázquez avanza que en setembro estará rematada a mellora da seguridade na estrada AC-552 en Arteixo, cun investimento da Xunta de 2 M€

Vázquez Mourelle explica que a actuación xa supera o grado de execución do 50%, polo que se poderá adiantar o seu remate varios meses sobre o inicialmente previsto

A intervención engloba un treito de case 1 km e prevé a execución de 2 rotondas: unha no punto quilométrico 2+880, que entrará en servizo de xeito provisional neste mes; e outra no quilómetro 2+550, en funcionamento desde xuño

Salienta que tanto os veciños de Arteixo como as persoas que se achegan traballar á zona industrial verán mellorada a súa seguridade viaria e a súa mobilidade

A intervención enmárcase na Estratexia de eliminación dos treitos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas, na que a Xunta inviste 15 M€ e que culminará este ano
 

Arteixo (A Coruña), 16 de xullo de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanza que en setembro estarán rematadas as obras de mellora da seguridade viaria na estrada AC-552 en Arteixo, cun investimento da Xunta de 2 millóns de euros.

Vázquez Mourelle, xunto co alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, supervisou hoxe a marcha destes traballos para eliminar un treito de concentración de accidentes e mellorar a seguridade viaria na contorna da Báscula.

Subliñou que a actuación, iniciada a mediados de abril e cun grado de execución que supera o 50%, engloba un treito de preto de 1 quilómetro, o situado entre a glorieta de enlace coa autoestrada AG-55 e o viario de acceso á presa de Meicende.

Concretou que as obras teñen un prazo de 12 meses, pero considerando o ritmo de execución, poderase adiantar o seu remate varios meses do inicialmente previsto.
Indicou que para mellorar a seguridade, execútanse dúas glorietas que facilitarán os xiros. Unha desas rotondas elimina a intersección en T coa rúa do Embalse e ten un diámetro axeitado para os xiros dos vehículos pesados; mentres que a outra glorieta, adáptase ao espazo dispoñible, limitado polas naves.

En canto á construción da glorieta do punto quilométrico 2+880, unha vez realizadas as voaduras na marxe esquerda, hoxe comezouse xa coa zahorra e segue o acondicionamento de noiros na marxe dereita; así como coa drenaxe e os cruces do alumeado. Esta rotonda poñerase en servizo de xeito provisional neste mesmo mes de xullo.

Na outra glorieta, do quilómetro 2+550, estanse a executar os encofrados para realizar o formigón impreso xa na próxima semana. Esa rotonda está en servizo desde o pasado 18 de xuño.

Os traballos de aglomerado leváronse a cabo en horario nocturno e farase o mesmo cos que restan, coa fin de minimizar as afeccións aos usuarios.

Ethel Vázquez fixo fincapé en que os usuarios desta estrada, tanto os veciños de Arteixo como as persoas que empregan esta vía para ir ao traballo ou achegarse á zona industrial, verán mellorada a súa seguridade viaria e a súa mobilidade.

Lembrou, ademais, que esta intervención se enmarca na Estratexia de eliminación dos treitos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas, unha iniciativa na que a Xunta está a mobilizar 15 M€ e que se prevé culminar este ano.
 

Outras actuacións

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade recordou que o Goberno galego, para reforzar a seguridade viaria e a competitividade desta área industrial, tamén executou hai anos a glorieta sobreelevada de Sabón, cun orzamento de 11M€; a ampliación da avenida de Vilarrodís, con 1,3M€; ou o novo acceso ao parque de Morás, con 4,4 M€.

Tamén remarcou que avanzan as obras de ampliación da capacidade e humanización da avenida da Deputación de Sabón. Esta actuación, que desdobra os carrís para gañar fluidez no tráfico, conta cun investimento autonómico de máis de 6,3 M€ e prevese o seu remate para o próximo verán.

Sinalou, ademais, que a Xunta vén de adxudicar, a pasada semana, por máis de 3,1 M€ o reforzo do sistema de abastecemento de Arteixo e do polígono de Morás.
 

Imaxes relacionadas