Fernández-Tapias entrega as chaves de Berbés 41 a unha nova veciña do Casco Vello vigués

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo e delegada da Xunta en Vigo pon en valor a importancia de promover vivendas de promoción pública, nomeadamente na cidade viguesa cos maiores rexistros de demandantes de entre as urbes galegas

Insiste en reclamarlle ao Concello que active os mecanismos expropiatorios necesarios para poder intervir en varias edificacións identificadas polo organismo
 

Vigo, 16 de xullo de 2021

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo e delegada Territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, vén de entregar as chaves da vivenda de Berbés 41 a unha nova veciña do barrio histórico vigués. Un contexto no que aproveitou para pór en valor o importante esforzo inversor que está a facer o Executivo autonómico na cidade en materia de vivenda de promoción pública.


Respecto a Berbés 41 subliñou que se trata da maior das rehabilitacións acometidas polo organismo público nos últimos cinco anos, pois xunto a Berbés 29 e 31 e Poboadores 40, adquiridos conxuntamente no ano 2018, suman unha superficie total rehabilitada de 795,70 metros cadrados.

Neste sentido, a delegada referiuse a dous das promocións en execución, nas rúas San Francisco 15 e Berbés 29, actualmente en proceso de adxudicación e que suporán a incorporación de seis novas vivendas ao histórico do ente rehabilitador.

Deste modo, a presidenta do CCVV destacou o valioso traballo de recuperación edificatoria e patrimonial que está a realizar o Consorcio do Casco Vello, organismo participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello de Vigo, facilitando cos seus investimentos o acceso a unha vivenda a decenas de familias e a revitalización da zona histórica.

Así, desde o ano 2005 o Goberno galego investiu máis de 27,4 millóns de euros en actuacións de rehabilitación neste ámbito permitindo a adquisición de 82 edificios e a posta no mercado de 111 vivendas de promoción autonómica (VPA) e 33 locais. Especialmente nunha cidade, dixo, que acumula o maior número de demandantes de vivenda e que carece de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Xa por último, a delegada territorial volveu a insistir na necesidade de que o Concello habilite a vía da expropiación, que permitiría a compra de varias edificacións identificadas no casco vello como potencialmente rehabilitables e que nestes intres, por distintas razóns, non poden ser adquiridas polo ente público. “Temos os proxectos e o orzamento para acometer estas intervencións, pero nos fan fallan as ferramentas urbanísticas que permitan a súa adquisición e que dependen única e exclusivamente Concello”, sinalou a delegada.
 

Imaxes relacionadas