A Xunta pon fin á tramitación ambiental do instrumento urbanístico que permite a construción do novo colexio público de Porto do Son

A Consellería de Medio Ambiente acaba de emitir o informe do Plan especial de infraestruturas e dotacións, no que indica que non é necesario sometelo a avaliación ambiental estratéxica

A Consellería de Cultura e Educación impulsa un equipamento educativo con espazos máis amplos, polivalentes e saudables
 

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia pon fin á tramitación ambiental do instrumento urbanístico que permite a construción dun novo colexio público en Portosín (Porto do Son), despois de que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda emitise o informe ambiental estratéxico relativo ao Plan especial de infraestruturas e dotacións.

Este Plan, impulsado polo Concello, ten por obxectivo establecer unha ordenación detallada para este ámbito no que se instalará o novo equipamento educativo, que virá a substituír ao situado na praia de Coira, un centro que ocupa dominio público marítimo-terrestre e está afectado pola servidume de costas.

Así, tal e como se indica no informe emitido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, non se esperan efectos ambientais significativos, polo que non é necesario sometelo a avaliación ambiental estratéxica. Non obstante, indícase que o Plan especial deberá incluír as determinacións normativas necesarias para garantir o cumprimento da lexislación vixente en materia de prevención e defensa contra incendios forestais.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade está traballando en colaboración co Concello para que as familias de Portosín conten cunha infraestrutura educativa axeitada ás necesidades de futuro, en liña co establecido no Plan de nova arquitectura pedagóxica tanto no eido sanitario como no académico e tecnolóxico.

Así pois, a nova infraestrutura que se deseñe terá unha orientación estritamente educativa, con espazos máis amplos e polivalentes, máis saudables, ambientalmente sostibles e cun reforzo da dotación tecnolóxica para afrontar o futuro dixital.