Arias destaca que máis de 200 establecementos lucenses ofrecen descontos co Carné Xove, ao que vén de adherirse o Clúster de Turismo

O delegado territorial da Xunta en Lugo explicou que co novo convenio, a mocidade usuaria da tarxeta pode obter rebaixas do 10% en máis negocios de aloxamento e restauración da provincia

Subliñou que a Consellería de Política Social está a enviar o carné de xeito gratuíto ás persoas de entre 12 e 30 anos, que deben activalo nun dos puntos habilitados ou de forma telemática
 

Portomarín (Lugo), 16 de xullo de 2021

Máis de 200 establecementos da provincia de Lugo ofrecen descontos co Carné Xove da Xunta, que vén de ampliar a súa oferta no ámbito turístico coa adhesión do Clúster de Turismo de Galicia.

Así o explicou hoxe o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, no transcurso dunha visita ao Hotel Pazo de Berbetoros de Portomarín, un dos que vén de sumarse ao Carné Xove xunto con catro establecementos da Mariña -Tumbin Ponte Dos Santos Restaurante e hotel Aisi Art de Ribadeo; Isla Nova Hotel de Foz e Hotel O Val De Naseiro de Viveiro-, o Balneario do Río Pambre de Palas de Rei e o hotel Duerming Villa de Sarria.
No conxunto de Galicia, adhírense medio cento de establecementos que ofrecerán un 10% de desconto á mocidade.

“Esta medida contribuirá a seguir estimulando o turismo interno e a dinamización económica da provincia, neste caso ofrecendo vantaxes destinadas especificamente á xente nova”, dixo Arias. Na mesma liña, lembrou que a Xunta impulsa bonos con descontos para que os galegos desfruten das vacacións dentro da Comunidade.

O delegado tamén se referiu ás novidades introducidas pola Consellería de Política Social no Carné Xove. Nese sentido, explicou que as mozas e mozos de entre 12 e 30 anos están a recibilo nas súas casas de xeito gratuíto e deben activalo nun dos puntos habilitados ou ben de xeito telemático, cubrindo un formulario en rede. Toda a información está dispoñible na páxina web de Xuventude.

Así mesmo, a Xunta porá en marcha unha aplicación móbil que permitirá ter acceso a un listado de descontos e promocións xeolocalizados. O Carné Xove inclúe descontos no ámbito cultural, no aloxamento, nos transportes, no comercio ou no ensino. Unhas vantaxes que son recoñecidas en toda España e nos 40 países europeos adheridos ao programa Carné Xove Europeo.
 

Imaxes relacionadas