A directora xeral de Xuventude Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou as dúas actividades que se están a desenvolver na provincia ourensá

Os campamentos de Coles e Parada de Sil celebran a súa segunda quenda coa natureza e o deporte como eixos principais

As actividades no Albergue Equal rematarán o domingo e as rapazas e rapaces que desfrutan do programa do Albergue da Fábrica da Luz estarán ata mañá

Coles (Ourense), 15 de xullo de 2021

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe os campamentos de Coles e Parada de Sil, que están a celebrar a súa segunda quenda de actividades, onde a natureza e o deporte son os eixos principais. Esta semana rematarán ambos campamentos, mañá o que se celebra no Albergue da Fábrica da Luz, e o domingo o que se desenvolve no Albergue Equal.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado destacou a enorme importancia que teñen estas actividades, coas que se pretende fomentar o lecer educativo saudable e seguro das mozas e mozos galegos durante a temporada estival e á súa vez mostrar o respecto que a natureza merece e precisa.

No campamento de Coles a rapazada, de entre 9 e 11 anos, desfruta de actividades como danza moderna, xogos teatrais, sendeirismo e obradoiros de ecoloxía e reciclaxe, entre outros. O programa tamén inclúe unha visita ao Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, no Pazo de Fontefiz. Pola súa banda, no campamento de Parada de Sil os participantes coñecen a beleza natural da Ribeira Sacra e celebran xogos tradicionais, xeocaching, kaiak ou xincanas.
 

Imaxes relacionadas