A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e o alcalde mantiveron unha reunión esta semana

Medio Ambiente sinala que Vilanova de Arousa paga as consecuencias da falta de harmonía entre o regulamento estatal de Costas e a Lei do solo

Encarnación Rivas lembra que a Xunta vén reclamando ao Goberno central un cambio na normativa sectorial de Costas para axilizar a emisión dos informes

Sinala que en Galicia, desde a entrada en vigor da Lei do solo, limitouse o prazo de emisión dos informes a tres meses, tras os cales enténdense en sentido favorable
 

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2021

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, lamentou que o Concello de Vilanova de Arousa teña que sufrir as consecuencias da falta de harmonía entre o regulamento estatal de Costas e a Lei do solo autonómica.

A directora xeral mantivo esta semana unha reunión co alcalde, Gonzalo Durán, quen lle trasladou que a demora, por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica, na emisión dos informes en materia de Costas, impiden introducir melloras na normativa urbanística vixente e, en consecuencia, provoca a paralización da actividade municipal. Na actualidade, Vilanova está a tramitar unha serie de modificacións puntuais das Normas subsidiarias de planeamento que rexen no Concello.

Encarnación Rivas indicoulle que desde a Consellería se ten trasladado aos representantes do Ministerio —a última vez na reunión entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o secretario de Estado de Medio Ambiente, celebrada a semana pasada— a necesidade de abordar unha modificación sectorial de Costas para simplificar a tramitación dos instrumentos de planeamento urbanístico, de maneira que sexa acorde á normativa autonómica.

A proposta que expón Galicia, xa recollida na lei autonómica aprobada hai cinco anos, é que a emisión dun informe sectorial en materia de Costas sexa nun prazo máximo de tres meses e que, no caso de superarse ese período, se estableza o sentido positivo do silencio.

Así, a directora xeral manifestou que ten constancia de que, malia que a normativa estatal prevé un prazo dun mes para a emisión do informe sectorial previo á aprobación inicial e de dous meses para o informe de aprobación definitiva, o Goberno central incumpre reiteradamente estes prazos, xa que emprega entre 8 e 12 meses para a emisión dos mesmos. “Esta situación aínda se agrava máis tendo en conta que o sentido do silencio é, na actualidade, negativo”, explicou.

Neste sentido, comprometeuse co rexedor municipal a seguir insistindo perante o Executivo central nesta demanda, de tanta importancia e calado para a ordenación territorial e o impulso da actividade económica.

Imaxes relacionadas