Augas de Galicia recibe ofertas de 9 empresas para a redacción do proxecto desta actuación, recollida no Plan de saneamento local da ría de Pontevedra e que suporá un investimento de 1,8 M€

A Xunta investirá preto de 140.000 euros na redacción do proxecto construtivo do novo bombeo e depósito de retención de recheo en Poio

Realizarase un estudo de alternativas, anteproxecto e proxecto para a execución dun tanque de tormentas nas inmediacións do bombeo de Recheo e unha nova impulsión que permita regular o caudal cara á estación de bombeo de augas residuais de Froiz sen pasar pola estación de Saíñas

Estes traballos enmárcanse nas 10 novas actuacións identificadas no Plan de saneamento local da ría de Pontevedra, que suman un investimento de 15 M€

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, investirá preto de 140.000 euros na redacción do proxecto construtivo para un novo bombeo e depósito de retención de recheo no concello de Poio.

Mediante este contrato, trátase de desenvolver unha das propostas recollidas no Plan de saneamento local da ría de Pontevedra e executar un tanque de tormentas nas inmediacións do bombeo de recheo actual, que permita regular o caudal enviado cara á estación de bombeo de augas residuais de Froiz sen pasar polo bombeo de Saíñas.

Augas de Galicia recibiu a oferta dun total de nove empresas interesadas na execución deste contrato de redacción do proxecto, que conta cun prazo de seis meses.

Esta actuación forma parte do Plan de saneamento local da ría de Pontevedra, no que se identificaron novas actuacións prioritarias que impulsará a Xunta para avanzar no saneamento integral da ría. En total recóllense 10 novas actuacións: dúas en Poio, seis en Pontevedra e outras dúas en Marín.

Concretamente, a actuación obxecto deste contrato, a execución do novo bombeo e depósito de retención de recheo no concello de Poio, suporá un investimento estimado en 1,8 M€.

Cómpre lembrar que este contrato, súmase ao xa licitado desde Augas de Galicia para a redacción do proxecto construtivo do novo bombeo e depósito de retención da Seca e da mellora da estación de bombeo de augas residuais do porto de Campelo, neste municipio.

As actuacións obxecto do novo contrato

O obxectivo do presente contrato é a realización do estudo de alternativas, anteproxecto e proxecto construtivo do novo tanque de tormentas nas inmediacións do bombeo de recheo actual.

Para intentar resolver os problemas de saneamento actual na zona, estudarase a execución dun tanque de tormentas en recheo, cun depósito de retención de 600 m3, un caudal de bombeo máximo de 60 l/s e unha nova impulsión ata un colector que descende por gravidade ata o bombeo de Froiz. A rotura de carga produciríase no mesmo lugar que a do bombeo de Saíñas. Desta maneira, as augas de recheo non pasarían polo bombeo de Saíñas, cuxa capacidade de bombeo se podería reducir.



O detalle dos traballos

Para dar resposta a estas necesidades, os traballos que deberá realizar o adxudicatario do contrato incluirán a análise da problemática e a obtención dos datos previos necesarios, así coma o estudo das diferentes alternativas existentes e selección da alternativa máis axeitada.

O seguinte paso correspóndese coa redacción do anteproxecto, como documento previo á redacción do proxecto construtivo, e necesario para realizar os trámites con outras administracións afectadas, para levar a cabo o trámite ambiental ou as expropiacións. O contrato concluirá coa redacción de proxecto construtivo e a súa validación, perante o servizo de supervisión técnica de proxectos da Xunta.

Cómpre lembrar que o Plan de saneamento local da ría de Pontevedra contén un programa de actuacións cun investimento total de 47 millóns de euros que a Xunta financia con fondos propios e fondos Feder.

Neste momento hai traballos xa en marcha por 32 millóns e as 10 novas actuacións previstas pola Xunta no Plan de saneamento local da ría que suporán un investimento de máis de 15 millóns de euros.

O departamento que preside Ethel Vázquez mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.