A Xunta porá en marcha o luns unha nova liña circular de autobús que mellorará as conexións de Cambre e de Culleredo coa praia de Santa Cristina, en Oleiros

A nova liña, con cabeceira na Barcala e percorrido circular polo Burgo, funcionará durante os meses de xullo e agosto

Os usuarios contarán con 6 servizos diarios de luns a domingo, incluídos os festivos, un total de 42 servizos á semana

Os novos servizos atenden os horarios de maior demanda, desde as 14,10 horas, cando sae da Barcala a primeira expedición, ata as 21,30, hora da última parada en Santa Cristina para facer o regreso
 

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2021

A Xunta porá en marcha o vindeiro luns, día 19 de xullo, unha nova liña circular de autobús que mellorará as conexións entre os concellos de Cambre e de Culleredo coa praia de Santa Cristina, en Oleiros.

A nova liña, con cabeceira na Barcala e percorrido circular polo Burgo, funcionará durante os meses de xullo e agosto e ofrece 6 expedicións diarias de luns a domingo, incluídos os días festivos, é dicir,42 servizos á semana.

A entrada en funcionamento da nova liña facilita os desprazamentos á praia dos veciños de Cambre e de Culleredo ao incluír a parada na avenida de Santa Cristina, moi próxima ao areal.

A cobertura horaria dos novos servizos abrangue as horas de maior demanda: desde as 14,10 horas, cando ten a súa saída o primeiro autobús desde A Barcala, ata as 21,30 horas, hora de saída do último autobús de regreso desde a praia de Santa Cristina.

Os novos servizos sairán da Barcala ás 14,10 horas, 15,10, 16,10, 19,10, 20,10 e 21,10. As horas de paso por Santa Cristina, estímase nuns 20 minutos despois. Polo tanto, as 21,30 será a hora estimada da última parada na praia de Santa Cristina para facer o regreso no serán.

O itinerario da nova liña iníciase na Barcala e diríxese ao Temple, onde cruza ao Burgo para continuar o percorrido por esa beira da ría ata a Ponte da Pasaxe. Unha vez realizada a parada na avenida de Santa Cristina, nas proximidades da praia, o traxecto de volta atravesa Perillo para volver ao Temple e continuar o regreso ata a Barcala.

A información dos horarios destes novos servizos e a configuración detallada das paradas incluídas na liña poderán ser consultadas na páxina web: www.bus.gal.