A Xunta comeza as obras de construción dunha senda peonil na estrada PO-300 en Ribadumia, cun investimento de 48.000 €

O delegado territorial, Luis López, acompañado do alcalde, David Castro, asistiu ao inicio dos traballos, que se levarán a cabo nun treito de 115 metros

A actuación inclúe bordos de formigón e varandas como medidas de seguridade, un aparcadoiro nunha zona contigua e canalizacións subterráneas, sumidoiros e pozos de rexistro
 

Ribadumia, 14 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, comezou hoxe as obras de construción dunha senda peonil na estrada autonómica PO-300, que une Mosteiro e Cambados, ao seu paso polo concello de Ribadumia.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, xunto co alcalde de Ribadumia, David Castro, supervisou esta mañá o arranque dos traballos, nos que a Xunta inviste 48.000 euros.

"Imos mellorar un treito relativamente pequeno, pero que precisa dunha actuación de seguridade viaria, posto que non hai ningunha zona de circulación peonil e trátase dunha contorna bastante concorrida, polo que decidimos levar a cabo esta obra" explicou o representante autonómico, que estimou que os traballos estarán concluidos a comezos do outono, dado que teñen un prazo de execución de 2 meses.

Este itinerario peonil executarase ao longo de 115 metros, entre os puntos quilométricos 4+700 e 4+815, pola marxe dereita da estrada PO-300 e consistirá, previa escavación de varias zonas afectadas, na dotación dunha senda de 1,8 metros de anchura, en formigón terrizo.

Así mesmo, e para favorecer a seguridade, vanse instalar bordos de formigón que estarán elevados 10 centímetros sobre a plataforma da calzada e tamén haberá varandas de protección na zona onde a senda se apoiará sobre un muro de perpiaño existente.

Tamén está previsto que se habilite un espazo para aparcadoiro de vehículos nunha zona contigua cunha superficie sobrante e que se dote toda esta contorna dunha rede de canalizacións subterráneas, sumidoiros e pozos de rexistro para favorecer a correcta evacuación da auga da choiva e que non afecte á plataforma da calzada nin á senda.

Imaxes relacionadas