A Xunta colabora co concello de Zas na mellora da piscina municipal e das instalacións anexas

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, coñeceu hoxe as melloras financiadas ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público, que conta cun orzamento de 4M€

Zas (A Coruña), 14 de xullo de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, coñeceu hoxe as melloras feitas na piscina municipal de Zas e noutras instalacións anexas á zona de baño que contaron cunha axuda da Xunta ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público.

A Xunta destinou a esta actuación máis de 38.000 euros, coa finalidade de acondicionar a piscina municipal, construída no ano 1989 e que precisaba de melloras. En concreto, coa axuda da Xunta renovouse o pavimento da zona de praia e do bordo da piscina, ademais de substituírse elementos de carpintería e saneamento.

A finalidade destes arranxos, que afectaron tamén á zona de vestiarios e outras instalacións anexas, foi a de mellorar os servizos e a seguridade e salubridade das instalacións, xa que a piscina precisaba de actuacións urxentes debido á súa antigüidade.

A achega da Xunta encádrase na Orde de Infraestruturas de uso público, a través da cal o Goberno galego distribúe este ano 4 millóns de euros ás entidades locais para a creación, ampliación ou reforma das súas infraestruturas destinadas á prestación de servizos municipais.

Natalia Prieto lembrou que a Xunta leva investido máis de 840.000 euros no concello de Zas nos últimos anos, sexa a través da Orde de Infraestruturas de uso público –co acondicionamento das prazas públicas do concello ou melloras no campo de fútbol-, ou do Fondo de Compensación Ambiental –con diversas actuacións no saneamento e no alumeado público-, iniciativas destinadas a mellorar os servizos municipais e as condicións de vida da súa veciñanza.