A Xunta investirá máis de 99.000 no polígono industrial de Sigüeiro para a mellora das súas infraestruturas viarias

Esta orde de axudas ten por obxectivo fortalecer o tecido empresarial galego, crear emprego e mellorar a oferta de solo empresarial

Oroso (A Coruña), 14 de xullo de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o polígono industrial de Sigüeiro no concello Oroso para anunciar un investimento de máis de 99.000 euros para cofinanciar unha actuación de 123.000 euros. Con este investimento levarase a cabo a mellora do pavimento na rúa Otero Pedrayo e na avenida Álvaro Cunqueiro e a substitución de canle na rúa Eduardo Pondal.

O representante do Goberno autonómico destacou que “este tipo de actuacións enmárcanse na aposta da Xunta por impulsar a actividade industrial e mellorar a competitividade dos parques empresariais grazas á mellora das súas infraestruturas e ao impulso da creación de novas empresas que permiten xerar emprego”.

Con esta liña, da que se poden conceder anticipos de ata o 25%, preténdese favorecer unha actualización permanente dos parques industriais da Comunidade para dar resposta ás necesidade de infraestruturas, comunicacións ou de adecuación ás novas exixencias.

En total a Xunta de Galicia destina este ano 4,12M€ para apoiar 58 proxectos de mellora das infraestruturas de 52 parques empresariais repartidos por 51 municipios galegos. Deles, 38 son Concellos Emprendedores. A maior parte dos apoios (38) dedicaranse a infraestruturas viarias, aínda que tamén se realizarán proxectos relacionados coa xestión de residuos, a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, plantas de depuración de auga e colectores con vertedura á depuradora municipal, así como instalacións comúns destinadas á loita contra incendios dentro do parque.

Por provincias, A Coruña contará cun total de 20 proxectos que se apoiarán con preto de 1,7M€.

Desde a súa posta en marcha, a través das liñas para a mellora dos parques empresariais galegos e para a creación de novos viveiros industriais, lévanse apoiados 593 proxectos de mellora nos parques empresariais e impulsados 13 viveiros industriais.

Estas axudas completáronse coa execución dos catro millóns de euros outorgados en 2020 a un total de oito proxectos nunha terceira orde de apoios dirixida a reforzar a extensión das redes de distribución eléctrica dos parques empresariais. Estas iniciativas contribúen a garantir a seguridade e a calidade do servizo, atendendo así as demandas das empresas afincadas nos polígonos industriais de Galicia.

Imaxes relacionadas