A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse coa alcaldesa, Asunción Morgade
Comezan as obras de humanización de dúas prazas en Rairiz de Veiga cun investimento de máis de 70.000 euros por parte da Xunta e do Concello
O Goberno galego colabora desde 2010 coas entidades locais a través do Plan Hurbe na creación e mellora de equipamentos municipais de uso público e colectivo
As obras de humanización de dúas das prazas máis importantes do núcleo urbano de Rairiz de Veiga, adxudicadas en maio por algo máis de 70.000 euros e cofinanciadas nun 70% pola Xunta e nun 30% polo Concello, xa están en marcha.
O inicio desta actuación foi un dos asuntos que abordaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa, Asunción Morgade, no transcurso dunha reunión telemática na que tamén analizaron a posibilidade de volver colaborar no futuro noutro proxecto urbanístico para recuperar a praza da Igrexa.
Os traballos centraranse no núcleo de Rairiz, capital do municipio, e máis concretamente nas súas dúas prazas principais, localizadas na contorna dalgúns dos edificios públicos máis relevantes como son a Casa do Concello, o centro de saúde, o centro de día, a gardería e o colexio Antonio Vázquez.
Os traballos a acometer consistirán en rexenerar e pavimentar estas zonas en función do estado actual que presentan, mellorar os acabados, e renovar as infraestruturas de abastecemento coa instalación de novas tubaxes ou arquetas. Tamén se construirán beirarrúas para facilitar a tránsito dos peóns e o achegamento das infraestruturas urbanas aos veciños, creando espazos públicos que dean resposta ás súas necesidades actuais, e mellorarase tamén a zona de aparcamento, na que se renovará o pavimento.
Cómpre lembrar que esta actuación é froito dun convenio asinado o ano pasado entre a Consellería e o Concello no marco do Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta en 2010 para axudar ás entidades locais na execución de proxectos urbanísticos destinados a crear, mellorar ou humanizar equipamentos de uso público e colectivo.