Román Rodríguez salienta a oportunidade que brinda o Xacobeo para promover o intercambio cultural

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade participa na inauguración dunha exposición no Pazo de Fonseca dedicada ao artista e arquitecto italiano Piraseni

Forma parte dos fondos do Museo de Artes do Gravado de Ribeira e realízase co apoio da Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da exposición Vedute- Vistas da Roma antiga- Cárceres, do artista italiano Piraseni que se pode ver por primeira vez en Santiago de Compostela grazas á colaboración entre o Museo de Artes do Gravado á Estampa de Ribeira, a Universidade de Santiago e a Xunta de Galicia.

Como dixo, a mostra alíñase coas distintas actividades postas en marcha durante este ano para promover e difundir os lazos culturais do resto de Europa con Galicia. Neste caso realízase a través dunha exposición “que permite descubrir unha imaxe minuciosa da esencia de Roma e reforzar as conexións culturais que brinda a cultura xacobea aproveitando a oportunidade que brinda o Ano Santo para facelo”.

Agradeceu, ademais o traballo do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira polo seu labor de difusión museística e ser quen de reunir estes fondos cos que abre ao mundo unha escolma “de gran valor que ofrecen a oportunidade de coñecer a pegada arquitectónica nos principais monumentos de Roma”.

A exposición conta con pezas seleccionadas da colección da obra do arquitecto, gravador, arqueólogo e teórico italiano do Museo de Ribeira. En total, son máis de 40 augafortes orixinais e 17 fotogravados, así como bibliografía complementaria. Poderá visitarse no Pazo de Fonseca do 14 de xullo ao 28 de agosto en horario de luns a sábado de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 20,30 horas.