A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde, Carlos Costa, selaron hoxe en San Caetano o acordo para impulsar esta actuación

A Xunta asina co Concello de Campo Lameiro o convenio para dotar de saneamento o núcleo de Reboredo, cun investimento de 400.000€

A Xunta achegará o 80% do orzamento, 320.000 euros, e executará as obras, mentres o Concello de Campo Lameiro contribuirá co 20% restante, achegando 80.000 €

Construirase unha rede de colectores que conducirán as augas residuais urbanas deste núcleo á estación depuradora da Laxe para o seu tratamento

O Goberno galego segue prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas responsabilidades e mellorar a calidade de vida no rural

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, asinaron hoxe nas dependencias da Consellería, en San Caetano, o convenio de colaboración para dotar de servizo de saneamento o núcleo de Reboredo, cun investimento de 400.000 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, cofinanciará a actuación nun 80% coa achega de 320.000 euros. O Concello de Campo Lameiro contribuirá ao financiamento do 20% restante, destinando 80.000 euros.

Unha vez selado este acordo, Augas de Galicia poderá licitar as obras, que teñen un prazo de execución de catro meses. As actuacións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.

Pola súa banda, a entidade local tamén asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

Actuacións

Na actualidade o núcleo de Reboredo carece de sistema de saneamento municipal adecuado, contando unicamente cunha canalización de augas pluviais de recente implantación. Esta situación incide de forma negativa na calidade de vida dos veciños e nas condicións ambientais da contorna.

As obras recollidas no convenio permitirán a Augas de Galicia executar as intervencións necesarias para levar as augas residuais urbanas á estación depuradora existente na Laxe para o seu tratamento.

Para iso, construirase unha nova rede con 1.386 metros de lonxitude total, formada por seis colectores de saneamento de augas fecais, con tubaxe. Os pozos de rexistro executaranse in situ, con cerco e tapa de fundición.

Con estas obras darase servizo a unha poboación de 65 habitantes para o ano horizonte de 2041.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos de saneamento e abastecemento, e continuar mellorando a calidade da auga e a calidade de vida da poboación galega no medio rural.

Imaxes relacionadas