O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria salienta a importancia da tecnoloxía no envellecemento activo na súa visita á Residencia Senior O Amanhã da Criança

Maia (Portugal), 13 de xullo de 2021

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou a Residencia Senior O Amanhã da Criança na localidade portuguesa de Maia para coñecer o funcionamento dunha ferramenta tecnolóxica posta en marcha para impulsar e fomentar o envellecemento activo nas residencias. Alí puido observar as diferentes actividades que os maiores poden realizar grazas á tecnoloxía e como axudan de maneira significativa a evitar o deterioro cognitivo.

Durante a visita Antón Acevedo puxo en valor a presencia da tecnoloxía e a súa incorporación paulatina nas residencias como forma de mellorar a súa autonomía e conseguir que os nosos maiores exerciten a súa capacidade cognitiva a través de actividades e xogos interactivos, de forma que traballen tamén a súa saúde física e mental dun xeito ameno.