Política Social pon en valor o importante patrimonio histórico e ambiental de Ourense a través da oferta da campaña de verán na provincia

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe o campo de voluntariado do Audiovisual Galego, en Celanova, e o campamento Aventura na montaña de Vilariño de Conso

A proposta que está a desenvolver no concello celanovés inclúe rodaxes, producións, montaxes, postproducións ou redaccións de guións; mentres o que se está a celebrar en Vilariño aposta polo sendeirismo, kaiak, rapel ou tiro con arco, entre outra actividades

Celanova (Ourense), 13 de xullo de 2021

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, salientou hoxe o importante patrimonio histórico e ambiental da provincia de Ourense, que a Xunta está a poñer en valor a través dunha ampla oferta estival incluída na Campaña de Verán 2021 que se está a desenvolver na provincia. Con este obxectivo visitou esta mañá o campo de voluntariado Do Audiovisual Galego, que achega aos galegos e galegas a historia poética e audiovisual do concello de Celanova, e á tarde ten previsto asistir ao campamento Aventura na montaña, que se está a celebrar no municipio de Vilariño de Conso.

O campo de voluntariado de Ourense, enmarcado na Campaña de Verán da Xunta de Galicia, céntrase no audiovisual e inclúe un programa con diferentes actividades de produción, rodaxe, postprodución, montaxe e proxección dunha película ou redacción dun guión. Ademais, os participantes realizarán diferentes obradoiros para a elaboración dun spot para o Concello de Celanova e traballarán arredor das dúas últimas producións audiovisuais que tiveron este concello ourensán como plató de rodaxe: Elisa y Marcela de Isabel Coixet e El desorden que dejas, de Carlos Montero.

As mozas e mozos que participan nesta actividade, de entre 18 e 30 anos, tamén levarán a cabo iniciativas relacionadas co coñecemento do patrimonio arquitectónico e monumental de Celanova e dos seus arredores ou excursións para descubrir espazos evocativos que inspiraron os escritores do lugar para a composición de poemas ou a creación de relatos literarios.

Trece novas propostas

Esta actividade forma parte dos 13 novos campos que se suman este ano como novidade á Campaña de Verán, que a través do total de actividades programadas ofrece máis de 7800 prazas. Todos os campos de voluntariado contan con 12 participantes para favorecer que se cumpran as medidas de prevención fronte á covid-19.

Para os campos de voluntariado que teñan lugar en Galicia o prazo de inscrición estará aberto ata cinco días antes do comezo de cada un. A solicitude presentarase mediante un formulario en liña e cada persoa solicitante deberá escoller, por orde de prioridade, ata un máximo de cinco campos de voluntariado. As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de recepción.

Montaña e actividades na natureza

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ten previsto visitar, así mesmo, esta tarde o campamento Aventura na Montaña onde se levan a cabo actividades de sendeirismo, tiro con arco, bicicleta, rapel, kaiak e diferentes obradoiros. Hoxe os nenos estaban a realizar actividades no río.

Cristina Pichel puxo en valor a importancia que teñen este tipo de actividades, coas que se busca fomentar o lecer educativo saudable e seguro da mocidade galega durante a temporada estival e a súa vez amosarlles a cantidade programas que se poden desenvolver nas contornas naturais.

Imaxes relacionadas