A Xunta inicia o proceso de probas dos novos sistemas de tratamento da depuradora dos Praceres en Pontevedra

A posta en marcha dos novos reactores biolóxicos require o enchido con augas residuais, o que pode provocar malos olores que desaparecerán cando estea cargada a masa biolóxica que realiza a función de depuración das augas

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade pide desculpas aos veciños polas molestias temporais que poida xerar o proceso, lembrando que se trata dun paso imprescindible para o funcionamento dos novos tratamentos da depuradora

A Xunta porá en servizo en setembro as obras de mellora da depuradora dos Praceres, nas que inviste 16,5 millóns de euros e que se complementan coa construción dun novo emisario submarino, en execución por 12 millóns de euros
 

Pontevedra, 12 de xullo de 2021.-

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inicia esta semana o proceso de probas dos novos sistemas de tratamento da estación depuradora de augas residuais dos Praceres, no concello de Pontevedra. Este proceso prolongarase ata o mes de setembro, en que se prevé dar por finalizadas as obras, que supoñen un investimento da Xunta de 16,5 millóns de euros e contribuirán a unha mellora significativa da calidade das augas da ría de Pontevedra.

O proceso de probas comezará coa posta en marcha dos novos reactores biolóxicos, para o que será preciso o enchido dos tanques con auga residual. Este proceso poderá causar malos olores durante algunhas semanas, que desaparecerán unha vez que estea cargada a masa biolóxica que realiza a función de depuración das augas.

Trátase dunha situación temporal que pode causar molestias aos veciños da contorna e pola que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade pide desculpas, lembrando que se trata dun paso imprescindible para o funcionamento da mellora dos tratamentos da depuradora e da mellora da calidade das augas da ría.

A reforma tecnolóxica executada pola Xunta na depuradora dos Praceres permitirá mellorar substancialmente a curto prazo a depuración das augas residuais dos concellos de Marín, Poio, Pontevedra e Vilaboa, co obxectivo de cumprir os límites de vertido marcados pola Directiva 91/271/CEE.

A intervención recolle a remodelación do tratamento secundario existente, coa fin de garantir a correcta depuración de ata 900 l/s de auga residual. A solución executada consiste na modificación do reactor biolóxico existente para dispoñer dun tratamento de leito móbil e unha posterior clarificación das augas mediante un proceso físico-químico con lastrado por microarea.

Adicionalmente, ampliouse a liña de fango para ter en conta as novas achegas e realizáronse unha serie de actuacións previas para manter o funcionamento da depuradora durante as obras.

Emisario submarino

Esta actuación completarase coa construción do novo emisario submarino, que xa está en execución e permitirá unha mellor devolución das augas limpas á ría, dando cumprimento aos compromisos adquiridos coa UE. Estas obras supoñen un investimento da Xunta de 12 millóns de euros.

Tanto a reforma da depuradora como a construción do novo emisario submarino forman parte do Plan de saneamento local elaborado tras unha exhaustiva análise do actual sistema que foi dialogado cos concellos e cos mariscadores da ría e que prevé un investimento total da Administración autonómica de preto de 47 millóns de euros.

As actuación de saneamento da ría de Pontevedra están financiadas con fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.