A Xunta inicia as obras de renovación da avenida do Bierzo, no Barco de Valdeorras, que suporán un investimento de 780.000 euros
A actuación, cun prazo de execución de 8 meses, desenvolverase nos primeiros 655 metros da estrada autonómica OU-622, para reforzar a seguridade e facer máis accesible a súa contorna
Mellorarase a accesibilidade nas pontes situadas no inicio da estrada para salvar a vía ferroviaria e o río Cigüeño
Reordenaranse os usos da avenida do Bierzo no seu treito central, en canto ao tráfico peonil, de vehículos e zonas de estacionamento
Este proxecto incrementará a seguridade viaria no contorno do colexio Divina Pastora, así como nas rutas de chegada dos cativos ao colexio, distanciando o tráfico rodado da zona de tránsito
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou hoxe as obras de renovación da avenida do Bierzo, no núcleo urbano do Barco de Valdeorras, que suporán un investimento de 780.000 euros.
A actuación, cun prazo de execución de 8 meses, desenvolverase nos primeiros 655 metros da estrada autonómica OU-622, o treito da vía cun carácter máis urbano, para reforzar a seguridade e facer máis humana e accesible a súa contorna.
Para conseguir este obxectivo, mellorarase a accesibilidade nas pontes situadas no inicio da estrada autonómica: do punto quilométrico 0+000 ao 0+200, para salvar a vía ferroviaria; e do quilómetro 0+275 ao 0+290, para salvar o río Cigüeño.
Incrementarase o ancho da beirarrúa na marxe esquerda para mellorar a mobilidade para o tránsito peonil dos veciños, así como a accesibilidade aos edificios localizados na zona, que na actualidade dispoñen de accesos con importantes desniveis. A partir do punto quilométrico 0+320 e ata o 0+655 ampliarase o ancho das dúas beirarrúas.
Reordenaranse os usos da avenida do Bierzo no seu treito central, en canto ao tráfico peonil, de vehículos e zonas de estacionamento.
Este proxecto persegue a mellora das condicións de seguridade viaria no contorno do colexio Divina Pastora, así como nas rutas de chegada dos cativos ao colexio, distanciando o tráfico rodado da zona de tránsito.
Destaca na intervención a renovación das infraestruturas de abastecemento e saneamento que discorren por ambas as marxes e que presentan un grado de deterioro importante debido ao paso do tempo.
A actuación inclúe melloras de servizos que son de competencia municipal, como o saneamento, o abastecemento, a iluminación e a semaforización, polo que a Xunta solicitou a implicación do Concello, que se comprometeu a asumir a titularidade do treito, unha vez finalizados os traballos