Luis López salienta o apoio e implicación da Xunta para a reactivación do sector cultural na presentación do Festival Ikfem en Tui

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra asiste, no Parador da vila tudense, ao acto promocional deste certame internacional de teclado da Eurocidade Tui-Valença, que terá lugar do 18 ao 22 de agosto

“Estamos ante unha iniciativa que reforza as sinerxias culturais entre Galicia e Portugal e que amosa, ademais da música, o rico patrimonio transfronteirizo ás beiras do río Miño, polo que merece a máxima colaboración da Xunta”, detallou o representante autonómico

Tui, 12 de xullo de 2021

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, salientou o apoio e a implicación do Goberno galego para a reactivación do sector cultural a través de achegas, programación e outras iniciativas durante a presentación, esta mañá, do IX Festival Internacional de Teclado IKFEM.
O representante autonómico, acompañado de Andrea González, da entidade promotora Xuventudes Musicais do Eixo Atlántico, do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e doutras autoridades, asistiu no Parador da vila tudense ao acto promocional e informativo deste certame da Eurocidade Tui-Valença, que terá lugar do 18 ao 22 de agosto e que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.
“Estamos ante unha iniciativa que, malia xurdir no ano 2013, xa está plenamente consolidada como un dos grandes eventos musicais e culturais da Eurorrexión e ademais reforza as sinerxias culturais entre Galicia e Portugal, conta cun elevado nivel musical e amosa o rico patrimonio transfronteirizo ás beiras do río Miño, polo que merece a máxima colaboración da Xunta de Galicia”, detallou Luis López.
O delegado territorial insistiu en que “a cultura ten que seguir, e con máis forza ca nunca, e ademais é un ámbito seguro”, polo que garantiu o respaldo da Xunta na súa reactivación malia a necesidade de implantar protocolos sanitarios e de control de aforos, especialmente coa actual situación epidemiolóxica en ascenso.
“Agardamos que o avance na vacinación e as medidas de contención volvan ser eficaces e poidamos afrontar este festival, dentro de case 40 días, nunha situación máis favorable e controlada, pero aínda así a organización estableceu uns protocolos rigorosos e tamén axudará o sentidiño e a responsabilidade dos asistentes”, matizou.
Finalmente, Luis López destacou a “variedade, transversalidade e amplitude dun festival que inclúe dende concertos ata obradoiros, que confirma os lazos culturais co pobo irmán de Portugal e que amosa dende sons medievais e bárrocos ata os máis actuais”.

Imaxes relacionadas