A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta mañá en Vigo na presentación dunha das competicións máis duras de Europa

A Xunta apoia con máis de 10.000 € a terceira proba da Tripla Coroa Illas Atlánticas, na que participarán preto de 130 nadadores

O vindeiro 4 de setembro deportistas procedentes de distintos puntos de España e doutros países cubrirán a nado un treito de 23 km entre a illa de Ons e Combarro

Ángeles Vázquez subliña a importancia deste tipo de eventos deportivos como exemplo de equilibrio entre os posibles usos e a protección dos espazos naturais

Vigo, 10 de xullo de 2021

Galicia acollerá o vindeiro 4 de setembro a terceira proba da competición internacional Tripla Coroa Illas Atlánticas, que volverá contar co apoio loxístico e económico da Xunta a través dunha achega que será, nesta ocasión, de algo máis de 10.000 euros.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta mañá en Vigo no acto de presentación do evento, unha das probas de natación máis duras e longas de Europa. De feito, os case 130 participantes procedentes de toda España e de países como México, Arxentina ou Portugal terán que cubrir un treito de augas abertas de 23 km entre a illa de Ons e a localidade pontevedresa de Combarro.

Precisamente, Ángeles Vázquez quixo subliñar o “espectacular percorrido” que lles agarda a todos os participantes nesta proba, un traxecto que arrancará na praia de area de Cans, en Ons, pasará pola costa de Sanxenxo e Poio, e deixará atrás a illa de Tambo antes de chegar á meta.

Por iso, subliñou que máis alá da innegable transcendencia da Tripla Coroa Illas Atlánticas desde o punto de vista deportivo, acontecementos deste tipo teñen importancia tamén porque son un exemplo de equilibrio entre os usos posibles e compatibles coa protección dos espazos naturais.

Neste sentido, lembrou que a travesía a nado entre Ons e Combarro servirá de escaparate para toda unha serie de actividades medioambientais que se organizarán paralelamente e coa colaboración do Parque Nacional para poñer en valor a riqueza natural, paisaxística e patrimonial que atesoura este lugar.

O programa desenvolverase no arquipélago de Ons, onde se fará unha ruta guiada para que os acompañantes dos deportistas poidan coñecer a fondo a contorna e tamén se organizará unha batida de limpeza na mesma praia que acollerá a saída da proba. Ademais, convocarase un concurso de fotografía entre os participantes no que se premiará ás tres instantáneas máis orixinais e que mellor representen a illa.

Cómpre lembrar que esta será a terceira proba que se disputa no marco da segunda edición da Tripla Coroa Illas Atlánticas. As dúas anteriores celebráronse en 2018, coa travesía a nado de 15 km entre Cíes e Baiona, e en 2019, un ano no que os participantes tiveron que cubrir os 19 km que hai entre Sálvora e O Grove.

A pandemia obrigou a suspender en 2020 a que sería a terceira e última proba desta competición, que finalmente terá lugar o vindeiro 4 de setembro coas máximas garantías de seguridade e cumprindo cos correspondentes protocolos sanitarios.

Imaxes relacionadas