A Xunta adxudica as obras de mellora do firme na estrada AC-550 en Muros, que comezarán nas vindeiras semanas

Os traballos, adxudicados por preto de 32.000 euros, terán un prazo de execución dun mes

As obras desenvolveranse entre os puntos quilométricos 34+000 e 35+150 co obxectivo mellorar as características superficiais da vía

Esta actuación súmase a outra adxudicada esta semana na mesma estrada, na travesía de Esteiro, que tamén comezará en breve

A Xunta continúa traballando na conservación e mantemento da rede viaria autonómica coa fin de reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios
 

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2021.- A Xunta adxudicou as obras de acondicionamento do firme na estrada AC-550 en Muros, que comezarán nas vindeiras semanas.


A intervención, adxudicada á empresa MICROASFALT SLU por preto de 32.000 euros, ten un prazo de execución dun mes.


Os traballos, que se desenvolverán no treito comprendido entre os puntos quilométricos 34+000 e 35+150, teñen como obxectivo mellorar as características superficiais da calzada, nunha zona na que se teñen producido recentes saídas de vía.


Dado que o estado estrutural do firme é bo, cómpre mellorar as propiedades superficiais da estrada nese treito dotándoa dun maior rozamento transversal que favoreza a adherencia e a seguridade viaria.


A reparación da zona dálle continuidade ao traballo realizado nos últimos anos de mellora do firme entre os puntos quilométricos 35+150 e 35+500.
Para acadar este acondicionamento, estenderase unha capa de microaglomerado en frío nos carrís de circulación da estrada.


Esta actuación súmase a outra adxudicada esta semana na mesma estrada, na travesía de Esteiro, cuxos traballos comezarán en breve.


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa traballando na conservación e mantemento da rede viaria autonómica coa fin de reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios.