A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, e alcaldesa, Sandra Quintas, asinaron hoxe o convenio para investir máis de 720.000 na mellora da seguridade viaria do treito urbano da vía OU-540

Ethel Vázquez sinala o acordo da Xunta coa Deputación de Ourense e o Concello de Bande para reforzar a seguridade viaria da travesía do municipio como exemplo do traballo das administracións que apostan polo rural galego

As obras serán executadas polo Concello e financiadas a partes iguais pola Administración autonómica e a provincial

Ethel Vázquez subliña que o proxecto recolle as propostas da Dirección Xeral de Tráfico para reducir a velocidade, coa reforma de interseccións, continuidade de itinerarios peonís, reordenación do aparcamento e a mellora das paradas de autobús

Tamén se mellorará a accesibilidade e disporase de iluminación específica os pasos de peóns

A conselleira informa de que a finais de verán se someterá a información pública o proxecto de acondicionamento da estrada OU-540 entre Celanova e a fronteira portuguesa, que se dotará dun terceiro carril e mellorará o seu trazado coa rectificación de curvas

Garante que a Xunta traballará para que o Goberno de España mude os criterios de reparto dos fondos de reconstrución para a mobilidade, que exclúen as actuacións nos concellos de menos de 50.000 habitantes, o 98% dos municipios galegos

Bande (Ourense), 9 de xullo de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, sinalou hoxe o acordo entre a Xunta, a Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Bande para a mellora da seguridade viaria da travesía do municipio como un exemplo do traballo que fan as administracións que apostan polo rural galego.

A titular de Infraestruturas da Xunta, o presidente da Deputación Provincial de Ourense, José Manuel Baltar, e a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, asinaron hoxe un convenio de colaboración para investir máis de 720.000 euros na mellora da seguridade viaria da estrada OU-540 entre os puntos quilométricos 39+560 e 41+240, que coinciden coa travesía de Bande, de titularidade municipal.

A conselleira salientou que o obxectivo da actuación é adaptar as condicións da estrada á súa funcionalidade real, xa que a pesar do seu uso urbano, a vía conta cunha sección moi ancha e cunha falta de definición de entrada á zona urbana de Bande.

A intervención dá continuidade á executada no ano 2016, tamén mediante a colaboración da Xunta coa Deputación e o Concello, coa fin de urbanizar un treito da mesma estrada OU-546 no centro urbano de Bande.

Ethel Vázquez puxo en valor a utilidade da cooperación entre administracións para acometer iniciativas de interese para os cidadáns e indicou que, nesta ocasión, o convenio permitirá desenvolver unha actuación “ambiciosa e completa que marcará un antes e un despois para o centro urbano de Bande.

Segundo lembrou, o proxecto recolle as recomendacións formuladas pola Dirección Xeral de Tráfico e que teñen como obxectivo prioritario inducir a redución da velocidade dos vehículos e aumentar así a seguridade dos peóns e de todos os usuarios da vía.
Con esa fin, prevese a reforma das interseccións e a continuidade de itinerarios peonís interrompidos. Para a redución da velocidade actuarase nos estreitamentos de carrís e nos sobreanchos en beirarrúas, ademais da reordenación do aparcamento e a mellora das paradas de autobús. Tamén se mellorará a accesibilidade e disporase de iluminación específica os pasos de peóns e estenderase unha nova capa de rodadura en todo o tramo da actuación.

Acondicionamento da estrada Celanova-fronteira portuguesa

Na súa intervención, a conselleira referiuse tamén ao proxecto que está a impulsar a Xunta para o acondicionamento da estrada OU-540 no treito autonómico que vai de Celanova á fronteira portuguesa. Sinalou que actualmente a redacción dese proxecto se atopa na fase final da súa redacción e o obxectivo é sometelo a información pública tras o verán.

Con esa actuación, habilitarase un terceiro carril en parte dos 34 quilómetros da estrada e mellorarase o trazado mediante a rectificación das curvas de menor radio.

Ethel Vázquez lamentou que o Goberno de España non comparta a preocupación das administracións galegas por dotar o rural de infraestruturas e servizos que melloren a vida dos seus habitantes.

A ese respecto garantiu que a Xunta continuará a traballar para que o Ministerio de Transportes rectifique os criterios establecidos para o reparto de fondos europeos de reconstrución ‘Next Generation’ destinados a mobilidade, que exclúen as actuacións en concellos de menos de 50.000 habitantes, é dicir, o 98% dos municipios galegos.

Imaxes relacionadas