Conde advirte de que o Goberno ten unha semana para concretar cal é a súa proposta en Alcoa e aclarar o seu papel no proceso de venda

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta tarde á reunión co Ministerio de Industria, o comité de empresa e os sindicatos na que renovou o compromiso da Xunta de colaborar na busca dunha solución

Lamenta que o Executivo central perdera unha nova oportunidade para presentar as medidas que levará ao encontro de EEUU con Alcoa para avanzar no proceso de venda, así como un marco enerxético que garanta a competitividade da industria hiperelectrointensiva

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta tarde nunha reunión co Ministerio de Industria, o comité de empresa de Alcoa e os sindicatos na que advertiu de que o Goberno de España ten unha semana –antes de reunirse coa compañía en EEUU– para concretar unha proposta que contribúa a desbloquear a situación na que se atopa o proceso de compra-venda da planta de aluminio en San Cibrao e aclarar cal será o seu papel.

O Goberno galego, que ofreceu toda a súa colaboración, entende que a ministra de Industria, Reyes Maroto, perdeu hoxe a oportunidade de presentar propostas e medidas concretas que se poidan impulsar desde o Goberno para desbloquear a situación actual e facilitar o proceso de venda a través dun acordo entre Alcoa e algunha das empresas que presentaron ofertas.

O vicepresidente económico agarda que a viaxe da ministra á sede de Alcoa en Pittsburgh (EEUU) sirva para achegar posturas e recuperar o tempo perdido, xa que é necesario que se acade un punto de entendemento para que a planta de San Cibrao teña futuro: “De momento non hai unha proposta concreta por parte do Goberno”, asegurou Conde, quen aclarou que queda unha semana e que desde a Xunta se seguirá traballando co Executivo.

Por outra banda, o Goberno non está sendo capaz de establecer un marco enerxético que permita dar continuidade non só á planta de Alcoa na Mariña de Lugo, senón ao conxunto da industria hiperelectrointensiva, unha vez que se constatou o fracaso do estatuto para este tipo de consumidores. De feito, as empresas galegas pagan máis do dobre por MWh que en países como Francia, o que lles impide competir en igualdade de condicións e, ao mesmo tempo, dificulta tamén o proceso de venda da planta de San Cibrao: “É unha demanda común dos compradores: a necesidade de concretar un prezo eléctrico competitivo que garanta a viabilidade da planta”, concluíu.

Imaxes relacionadas