Os conselleiros de Cultura, Educación e Universidade e de Sanidade presentan o documento ante o Consello Escolar de Galicia

O protocolo escolar para o próximo curso avanza nun escenario de transición con todas as garantías de seguridade e académicas

As medidas recollidas están avaladas polo Comité Clínico e adaptadas á Declaración de Accións Coordinadas (DAC) decretadas polos ministerios de Sanidade e de Educación

En Infantil e Primaria mantéñense os grupos de convivencia estable e en Secundaria establécense 1,2 metros de distancia na aula

A partir de setembro os rapaces poderán compartir obxectos tanto na aula coma nos xogos nos recreos e as bibliotecas incrementan aforo e volve o sistema habitual de préstamo de libros

Román Rodríguez subliña que esta folla de ruta atende ao contexto actual, polo que estará “en constante revisión” en función da evolución epidemiolóxica e do que diten as autoridades sanitarias

Compromete todos os apoios materiais e humanos necesarios para garantir a seguridade sanitaria nas aulas e preservar a calidade académica

Julio García Comesaña agradeceu á comunidade educativa a súa implicación na loita contra á covid, e manifestou o seu desexo de que os escolares estean vacinados pronto “para o que fai falla que cheguen as vacinas”

 

 

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia vén de pechar o Protocolo de Adaptación ao contexto da covid-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o vindeiro curso 2021-22, un documento que avanza en novas medidas de transición a aplicar nas aulas galegas co fin de garantir a seguridade sanitaria así como o proceso académico.

O protocolo, que hoxe se lle deu a coñecer aos integrantes do Consello Escolar de Galicia, nunha xuntanza na que participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, foi ratificado o pasado martes polo Comité Clínico e está adaptado ao establecido na Declaración de Accións Coordinadas dos ministerios de Sanidade e de Educación para o conxunto do Estado.

Actividade lectiva presencial en todas as etapas

O documento establece que de cara ao vindeiro curso en Galicia, ao igual que no curso que vén de rematar, vaise manter a actividade lectiva presencial en todas as etapas educativas, polo que os centros permanecerán abertos durante todo o curso escolar, ao igual que o funcionamento de todos os servizos complementarios e o apoio lectivo aos alumnos que o precisen.

Canto á organización das aulas, nas etapas de Infantil, Primaria e Educación Especial os nenos seguirán organizados en grupos de convivencia estable, tanto na aula como fóra dela (é dicir, en recreos e comedor), polo que non se aplicarán criterios de distancia nestes casos. En caso de acadarse unha situación de baixa transmisión (fase de nova normalidade), estes grupos de convivencia estable poderán interaccionar con outros grupos do mesmo curso.

Para o resto das etapas, a distancia xeral na aula será de 1,2 metros. E para todas as etapas é obrigatorio o uso da máscara durante todo o tempo -dentro e fóra da aula- a partir dos seis anos, e recomendable para os menores de seis.

Compartir materiais

Cómpre destacar que a partir de setembro os nenos van poder compartir obxectos tanto no interior coma no exterior, sempre aplicando as medidas de hixiene decretadas. Así pois, os nenos dun mesmo grupo de convivencia estable van poder xogar con elementos de uso compartido (balóns, combas, xoguetes) no recreo ou usar materiais como tobogáns ou areeiros.

Así mesmo, no caso das bibliotecas escolares aplicarase o aforo xeral para as bibliotecas públicas (que neste momento é do 75%) e recuperan o procedemento habitual de préstamo de libros e material sen que teñan que sometelos a corentenas.

No que atinxe ás medidas básicas de prevención, mantéñense todas as pautas hixiénicas establecidas (lavado de mans, emprego de hidroxel ou reforzo da limpeza de espazos e mobiliario entre outros), así como os protocolos de ventilación vixentes, facendo especial fincapé na ventilación frecuente ao inicio e remate da xornada e nos cambios de aula, así como a ventilación cruzada para favorecer a circulación do aire. Os centros educativos continuarán cos seus plans de continxencia e cos equipos covid como canle de enlace coas autoridades sanitarias a través da Central de Seguimento de Contactos (CSC).

Este protocolo tamén incorpora nun único documento todos os plans que se foron implementando ao longo do curso pasado como son as medidas específicas para os servizos de transporte e de comedor escolar, para os recreos, para os laboratorios e talleres, para o alumnado con Necesidades de Educación Especial ou funcionamento das aulas virtuais e o ensino a distancia en caso de que fóra necesario activalo. Así mesmo, inclúense modelos de planos para a colocación das aulas ou para a circulación polos espazos en función da tipoloxía dos centros.

Dotación de recursos asegurada

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, subliñou que este é “un protocolo de transición elaborado neste momento concreto e atendendo a unha situación concreta”, polo que se trata dun “documento vivo” que estará sometido a “continua revisión” en función da evolución epidemiolóxica e das decisións que adopten as autoridades autonómicas e estatais. “Será en todo momento a situación epidemiolóxica a que nos marque o camiño a seguir”, recalcou o conselleiro, que defendeu que a comunidade educativa “debe dispoñer dunhas regras claras e concisas” para a organización do curso fronte a “erros do pasado que non se poden volver a cometer”.

Román Rodríguez salienta que a “absoluta prioridade” do Goberno galego sigue sendo garantir a seguridade nas aulas e a actividade académica e, para iso, asegura que se van manter os apoios de carácter extraordinario habilitados ata o momento como as partidas de Reserva de Garantía Educativa para que os centros sigan facendo fronte aos gastos derivados da aplicación do protocolo, os reforzos de limpeza e de comedor escolar, os apoios ás anpas, ou a dotación de máscaras hixiénicas entre o profesorado e o alumnado que máis o precise. Tamén comprometeu “todos os recursos humanos que fagan falta” para seguir asegurando a calidade e a equidade do sistema educativo galego.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, agradeceu o esforzo da comunidade educativa no cumprimento das normas anticovid, que foi un dos temas que máis preocupou a Consellería neste ano, e así o trasladou en múltiples ocasións no Consello Interterritorial. Segundo García Comesaña, agora toca seguir avanzando e dando pasos, pero permanecendo sempre vixiantes, e agardando poder ter canto antes aos escolares vacinados, “para o que fai falla que cheguen as vacinas”.
 

Imaxes relacionadas