A Xunta inicia as obras de mellora da mobilidade peonil na estrada OU-105 na Ponte Noalla, no concello de San Cibrao das Viñas

A intervención conta cun investimento autonómico de máis de 48.000 euro e cun prazo de execución de 3 meses

Habilítase un itinerario peonil na marxe esquerda do camiño Reboredo e constrúese unha beirarrúa entre os puntos quilométricos 4+250 e 4+455

A senda peonil, de 100 metros de lonxitude, discorrerá pola marxe esquerda da estrada autonómica ata conectar co itinerario existente da rúa estrada do Cumial

A zona de beirarrúas terá unha anchura de 2 metros axustable ás particularidades da zona e terá en conta o acceso ás vivendas, ás parcelas e ás naves industriais

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou as obras de mellora da mobilidade peonil na estrada autonómica OU-105 na Ponte Noalla, no concello de San Cibrao das Viñas.

A intervención conta cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros e cun prazo de execución de 3 meses.

Mediante este contrato, o departamento que dirixe Ethel Vázquez acometerá dúas actuacións para a mellora da mobilidade nesta contorna, que comprenden a execución dun itinerario peonil no lugar da Ponte Noalla, así como a construción dunha beirarrúa entre os puntos quilométricos 4+250 e 4+455.

A senda peonil constrúese pola marxe esquerda do camiño Reboredo, xunto ao punto quilométrico 5 da estrada OU-105, e acadará unha lonxitude de 100 metros, ata conectar coa senda existente da rúa estrada do Cumial. A nova senda terá unha anchura de 3,50 metros con bordo a nivel e executarase en pavimento de formigón.

A beirarrúa execútase na marxe esquerda da estrada, con anchura de 2 metros axustable segundo as particularidades da zona, o que permitirá distinguir tres tramos de actuación nas obras.

No primeiro tramo, entre os puntos quilométricos 4+370 e 4+455 execútase unha beirarrúa de formigón con bordo elevada e con rebaixes nas zonas de acceso ás vivendas lindeiras.

As actuación no segundo tramo, entre os puntos quilométricos 4+280 e 4+370, ademais de ter en conta os rebaixes da beirarrúa para o acceso ás parcelas e naves industriais, inclúen a execución baixo o tramo dun colector de diámetro 400 mm. Neste treito executarase, ademais, un muro de pequenas dimensións.

Entre os puntos 4+260 e ata o 4+285 rebáixase a totalidade da beirarrúa en formigón na cota de entrada dos accesos ás vivendas. Neste tramo a beirarrúa conta cun desnivel respecto á cota da estrada, polo que se disporá tamén dun muro de formigón armado sobresaíndo uns 15 centímetros sobre a cota da plataforma da estrada.

Imaxes relacionadas