A Xunta invita ás mozas e mozos galegos a poñer en marcha a súa creatividade a través do Xuventude Crea 2021

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pîchel, inaugurou esta mañá no Museo do Mar de Vigo a exposición que repasa os dez anos deste certame autonómico

A convocatoria inclúe 14 categorías distintas nas que participar que van desde artes plásticas, cociña e música, ata videocreación, novela curta ou deseño de xoias

Cada unha das especialidades contará cun premio para os tres primeiros clasificados de entre 3.000 e 1.000 euros

O prazo para presentar as solicitudes abre o próximo luns 12 de xullo e rematará o próximo 20 de agosto

Vigo, 9 de xullo de 2021

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, inaugurou hoxe a exposición Xuventude Crea. Máis dunha década, que repasa os dez anos de vida dun programa que busca recoñecer e dar visibilidade á innovación da xente nova de Galicia en 14 disciplinas diferentes, esta actividade se pode visitar no Museo do Mar ata finais do mes de xullo. Durante o acto, a representante do departamento autonómico anunciou a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) das bases da nova convocatoria, que abre o luns 12 de xullo o seu prazo para enviar proxectos, e que rematará o próximo 20 de agosto.

Esta iniciativa trata de fomentar a creatividade da xuventude galega, facilitando a promoción e a difusión da súa obra. Nesta edición poderán participar, un ano máis, os mozos e mozas non profesionais con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2021.

Serán un total de 14 as categorías nas que poderán inscribirse, que abranguen desde a creación de videoxogos, novela curta, cociña, teatro, artes plásticas, fotografías, música, poesía, videocreación, banda deseñada ata graffiti, deseño de xoias, moda e danza moderna. Cada unha destas especialidades contará con tres premios: o primeiro, de 3.000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro, de 1.000 euros; así como mencións de honra sen dotación económica.

Artes plásticas, banda deseñada, xoias e fotografía

Na modalidade de artes plásticas englóbase pintura e escultura, nelas o tema e as técnicas para participar serán libres e en escultura o peso máximo da obra non pode superar os 50 quilos.

En canto á banda deseñada, a temática será libre con textos en lingua galega; a técnica pode ser calquera, feita en branco e negro ou en cor. O formato deberá ser en DIN A-4 ou DIN A-3 e a extensión mínima terá que ser de 10 páxinas. No caso de que a obra fose feita en formato dixital, á parte dunha versión impresa deberá xuntarse un CD ou DVD cos arquivos orixinais.

Na categoría de deseño de xoias a colección estará composta por tres pezas. O remate das pezas debe traballarse en metal con pezas de xoiería, excluíndo a utilización de fornituras compradas. A comisión seleccionará aqueles traballos que destaquen, especialmente, pola súa creatividade, a selección dos materiais e os acabados.

En fotografía, o tema e a técnica utilizadas serán libres. Xunto coa documentación os participantes presentarán en CD, unha ou varias fotografías, ata un máximo de 6, en cor ou branco e negro. Nesta categoría se terá en conta a orixinalidade, a técnica, a presentación e a calidade da obra.

Videoxogos, cociña, graffiti e moda

Na modalidade de creación de videoxogos poderá ser individual ou en grupo. Neste último caso, deberán ter un máximo de cinco integrantes. Admitirase que ata o 25% das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos. Os proxectos consistirán nun prototipo funcional ou xogo completo co aspecto e calidade final. Serán orixinais, inéditos e os textos e o son deberán estar en galego, agás a banda sonora que poderá estar en calquera lingua.

Na especialidade de cociña, os proxectos poderán ser individuais ou en parella. A receita presentada por cada participante, pode ser a elaboración dun prato salgado ou doce. A base do prato será a utilización de produtos avalados polas diferentes denominacións de orixe de Galicia ou ben pola Federación de Prazas de Abastos de Galicia. O tempo de elaboración do prato terá unha duración máxima de 2 horas.

As obras de graffiti o tema e a técnica serán libres e de ter texto, este deberá estar en galego. Os traballos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter un máximo de 3 membros. Á fase final poderán chegar un máximo de dez participantes.

No apartado de moda os participantes presentarán unha colección coherente de 5 modelos de home ou muller. Terá que definir o tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados. Presentaranse estes deseños en láminas de formato DIN A-3 (297 mm x 420 mm), con deseño de fronte e de costas. A comisión poderá avaliar para a exposición a un máximo de 10 participantes.

Música, poesía, teatro, danza moderna, novela curta e videocreación

No ámbito musical poderán participar solistas e grupos de pop, folk, rock, hip-hop e demais variedades de música contemporánea. Admitirase que ata un 25% dos compoñentes do grupo teña máis de 30 anos e poderá superar a idade máxima a persoa que desenvolva a función de acompañamento musical cos participantes que se presenten como solistas.

Para poesía o tema e a técnica serán libres. As obras, que deberán estar feitas a ordenador e en galego, terán unha extensión mínima de 50 versos e máxima de 100. En canto á novela curta, as obras deberán estar inéditas, ser orixinais e feitas en galego. Terán unha extensión mínima de 80 páxinas e máxima de 200, a ordenador e a dobre.

No teatro, poderán concorrer grupos teatrais, non profesionais, compostos por persoas galegos ou residentes en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2021. Admitirase que ata un 25% das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos ou teñan entre os 14 e 16 anos. As representacións serán en lingua galega. As obras poderán ser de autoría galega, española ou estranxeira e poderán presentarse obras orixinais. A duración da representación de cada obra non poderá exceder dunha hora e trinta minutos.

A categoría de danza moderna incluirá catro disciplinas: contemporáneo, danza urbana, lírico e danza experimental. Os proxectos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso, poderán ter un máximo de 30 integrantes. A duración da actuación non pode superar os cinco minutos e a coreografía debe ser inédita.

Os participantes de videocreación poderán presentar obras cun tema libre, máis deberá dar prioridade aos contidos artísticos e culturais dunha maneira innovadora e experimental. A duración de cada obra será dun mínimo de dous minutos e dun máximo de oito.

Imaxes relacionadas